DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No I Máster Universitario en Información Técnica do Medicamento, que substitúe ao antigo título prop

45 alumnos formaranse como profesionais da visita médica nun só ano

O posgrao botará a andar este venres cun acto de apertura na Facultade de Dereito

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Sara Alcázar DUVI 14/10/2010
Con 26 alumnos e alumnas xa matriculados e 19 preinscritos, un total de 45 estudantes formaranse como profesionais da visita médica estreando o Máster Universitario en Información Técnica do Medicamento, totalmente adaptado ao Espazo Europeo de Educación Superior, que bota a andar co inicio do presente curso para substituír ao anterior título propio de Graduado Universitario en Información Técnica do Medicamento.

Con este novo mestrado, a titulación pasa a ser oficial e diminúe a súa duración a un ano "o que contribúe a reducir os custes e se dirixe exclusivamente a titulados universitarios que precisan dunha formación específica na visita médica, que actualmente non se ofrece como título de grao" comenta o profesor da Área de Economía Aplicada da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, Alberto Vaquero, adxunto á coordinación do máster xunto coa profesora da Facultade de Dereito, Inés Iglesias. Así mesmo, Vaquero fai fincapé na necesidade de plantexar un mestrado como o que ofrece a Universidade "dado o alto grao de especialización e tecnificación destes profesionais, sumado á gran responsabilidade das súas funcións debido á influenza do seu traballo na saúde pública, que fan necesaria unha formación de posgrao que garanta a eficiencia desta profesión" sinala.

O Máster Universitario en Información Técnica do Medicamento dará comezo este venres nun acto de apertura no que coincidirán os novos alumnos e alumnas matriculados no posgrao cos 28 graduados en Información Técnica do Medicamento, titulación que celebrará a súa clausura ás 20.00 horas no salón de graos do Edificio Xurídico Empresarial.

Vantaxes e futuro profesional dos novos matriculados

Entre as novidades do novo mestrado cabe salientar o seu recoñecemento como titulación oficial adaptada ao EEES, ademais doutras vantaxes para o alumnado no relativo á duración e aos custes do máster. "Tendo en conta que o título propio tiña unha duración de tres anos e un custe que ascendía a 6.000 euros, mentres que o novo título impártese nun ano e custa arredor de 1.300 €, con prezos públicos e posibilidades de conseguir unha beca" sinala Vaquero. Outra das características do mestrado consiste na formación virtual, titorizada por Vaquero, pola que os matriculados poderán cursar a distancia os 60 créditos ECTS. "Xa levamos cinco anos impartindo as materias desta forma e a experiencia do anterior título avala a viabilidade da docencia virtual" afirma Vaquero.

No tocante ao futuro laboral dos egresados, o mestrado ten como principal saída laboral o exercicio da visita médica para informar aos profesionais da saúde sobre as características dos medicamentos. "Neste momento hai 15.000 profesionais que se dedican a esta actividade en España e non sempre contan cunha formación adaptada o seu traballo, por iso é moi necesario contar cunha formación especializada para ofrecer un servicio integral aos facultativos" sinala Vaquero. Ademais, o máster tamén conta co respaldo da Confederación Española de Asociacións Profesionais de Visitadores Médicos (CEATIMEF)  e ofrece ao alumnado a posibilidade de traballar en laboratorios farmacéuticos como Nycomed Pharma, "entidades que reflicten as oportunidades laborais dos egresados" indica Vaquero.