DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recibíronse 144 solicitudes, un 10% máis que o ano anterior

45 proxectos emprendedores participarán na 5ª edición de Pont-Up Store

Tecnolóxico, saúde, turismo e  gastronomía, os sectores máis representados 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI 30/07/2018

Despois dun intenso proceso de selección, no que se partía dun total de 144 solicitudes de recibidas, un 10% máis que o ano anterior, o comité organizador da 5ª edición de Pont-Un Store seleccionou un total de 45 proxectos que participarán no maior encontro do novo emprendemento en Galicia, que se celebrará en Pontevedra do 20 ao 22 de setembro. Do total de propostas recibidas, nas que as novas tecnoloxías volven achegar as iniciativas máis impactantes, seguidas polas dos sectores da saúde e benestar, turismo, textil, gastronomía e xestión cultural, 37 disporán dun stand gratuíto para amosar os seus productos, ideas e servizos e seis terán a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas, desenvolvendo propostas coma un obradoiro de preparación de alimentos con impresión 3D, un taller de lectura con cans, un  obradoiro de robótica para aprender a montar un Stick Arcade basado en Raspberry PI, torneos de videoxogos, técnicas de pigmentación prehistórica, un showcooking de receitas saudables ou a presentación da nova cooperativa Músicas ao Vivo.

Así mesmo, 10 emprendementos participarán no Puntazo Exprés, onde terán oportunidade de explicar en cinco minutos a súa iniciativa a cinco destacadas executivas de empresas e entidades galegas: África González, directora do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) da Universidade de Vigo, presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía e promotora da empresa spin-off NanoInmunoTech (NIT) con sedes en Vigo, Zaragoza e Madrid; Nuria Varela-Portas, xerente e fundadora da empresa de agroalimentación ecolóxica, Pazo de Vilane; María Caldeiro, xerente de Fundamar; Lucía Gregorio, adxunta a dirección de Redegal, empresa punteira en e-commerce e apps para IOS, Android e Windows Phone; e Teresa Fernández-Valdés, executiva de Bambú producciones, considerada unha das mulleres máis poderosas da televisión. Este ano, como novidade, as presentacións de Puntazo Exprés serán abertas ao público e haberá tempo para a réplica.

O director do Pont-Up Store, organizado pola Universidade de Vigo e CREA S2i, Pedro Figueroa, sinala que “nesta edición constatouse un importante incremento na calidade dos emprendementos que presentaron candidatura, tanto no seu carácter innovador como no potencial de desenvolvemento”. En canto á procedencia das candidaturas, Figueroa afirma que “o Pont-Up Store consolídase como o referente do novo emprendemento en Galicia con máis dun 40% das candidaturas procedentes de fóra das sete grandes cidades galegas, o que é indicativo da boa saúde das dinámicas emprendedoras nas vilas e no rural galego”. O director do Pont-Up tamén destacou que os sectores dos que proceden os emprendementos máis destacados son as novas tecnoloxías e as enxeñarías con apostas moi valentes e innovadoras tamén nos ámbitos da saúde, as mascotas, o turismo, o téxtil, a cosmética e a xestión cultural. 


Emprendementos con menos de tres anos e medio de vida

Todos os proxectos escollidos  nesta edición son novos emprendementos con menos de tres anos e medio dende a creación da empresa. Entre os escollidos hai empresas como EXGA3D, que deseña alimentos personalizados usando a impresión 3D e revalorizando o descarte de alimentos, destacando tamén a cantidade de negocios relacionados coas mascotas como YARACAN, que facilita terapias con animais;  ALIADOGS, unha plataforma online colaborativa de servizos caninos; ou BICHOH! que fabrica complementos artesáns para cans. 

O sector dos videoxogos concentra catro propostas: GAMING TROOP, unha asociacion de xogadores con local  propio; THE CLOUD GAMING, que xurde para impulsar e profesionalizar os eSports en España; SPA-CC traballan xerando entornos virtuais e ALOBRE 3D, experta en xerar modelos 3d orientados a impresión. Dentro do ámbito tecnolóxico destacan tamén XTONEBOX, que desenvolve equipos de audio de alta calidade baseándose na antiga tecnoloxía a válvulas;  e TALLER 7 MAKER, onde fabrican prototipos con tecnoloxía 3D. 

Ademais, Pont-Up Store reserva sempre parte do seu espazo a iniciativas empresariais que operan dentro da economía social ou que basean o seu modelo de negocio no retorno á comunidade. Nesta edición, participará a cooperativa MÚSICAS AO VIVO e varias propostas nas que destaca a compoñente social como PERIFÉRICAS, escolas de feminismos alternativos; MULLERES ATLÁNTICAS, unha comunidade de emprendedoras galegas e do norte de Portugal; ou MY LITTLE PIURA deseños sostibles con alma solidaria, que contribúe cos seus deseños a financiar proxectos da ONG Canat en Perú.