DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade abre o prazo para participar nos Premios á Excelencia Académica

45 Tablet PC para os mellores expedientes de novo ingreso

O período de solicitudes manterase aberto ata mediados de novembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 29/07/2013
Os 45 mellores expedientes de novo ingreso en titulacións de grao na Universidade de Vigo terán a oportunidade de recibir cadansúa axuda destinada ao financiamento da compra dunha Tablet PC como ferramenta de axuda ao estudo. A Universidade abriu xa o prazo de presentación de solicitudes para participar nunha nova edición dos Premios á Excelencia Académica, galardóns concibidos como recompensa para aquel alumnado que, ao chegar á etapa universitaria, destaca de xeito particular por unha traxectoria curricular de excelencia nos estudos previos de ensino secundario.

Os interesados en solicitar estas axudas terán de prazo para facelo ata o vindeiro 15 de novembro, podendo informarse vía web dos diferentes detalles da convocatoria, incluídos forma, prazo e procedemento de concesión das axudas.

Requisitos da convocatoria

Para presentarse á convocatoria é preciso matricularse por primeira vez no curso académico 2013/2014 en calquera das titulacións oficiais de grao impartidas nos centros propios da Universidade de Vigo e ter finalizado os estudos de bacharelato ou ciclo formativo de grao superior no curso 2012/2013.

Así, poderán optar ao a este certame todos aqueles que obtivesen un premio de extraordinario de bacharelato da Xunta de Galicia no curso 2012-2013 e os que se clasificaran no 1º, 2º ou 3º posto de calquera das fases autonómica, nacional ou internacional dalgunha das Olimpíadas Científicas celebradas ao longo do curso 2012/2013, sempre que estean recoñecidas polo Ministerio de Educación e Ciencia ou polas consellerías das comunidades autónomas que teñan competencias en educación, ou ben participe na súa organización algunha universidade. Tamén poden participar todos aqueles estudantes de novo ingreso que, sen estar nun dos dous apartados anteriores, acrediten unha puntuación igual ou superior a 8,5 puntos na valoración do expediente académico no bacharelato ou a 9 puntos se se trata dun ciclo formativo superior de formación profesional.