DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo acto de clausura conxunta dos once mestrados da Escola de Enxeñería Industrial

450 novos enxeñeiros especializados para velar polo futuro da industria galega

Juan Laso, encargado da clase maxistral, asegurou que só con "formación e esforzo" pode gañarse en c

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Noemí Rey DUVI 29/07/2011

O mestrado como marca e garantía de calidade profesional. Con esa idea na menta transcurríu o II acto de graduación conxunta dos once másters que se impartiron este curso na recentemente fusionada Escola de Enxeñería Industrial, con 450 matriculados como "mellor exemplo de persoas capacitadas para dar resposta ás necesidades da sociedade, pero temos que traballar todos de forma conxunta para que non teñan que emigrar", recordou Juan Pou, director da escola. Unha defensa polo capital humano para que "o talento" quede na casa a pesar da situación adversa que se está a vivir que tamén fixo Ana María Díaz, directora xeral de Traballo e Formación da Xunta, que quixo animar aos graduados asegurando que "as horas invertidas en formación sempre merecen a pena".

Con innovacións constantes, formarse para "estar ao día" é case unha obriga entre os enxeñeiros industriais "xa que descuidar 5 anos a formación neste mundo é unha vida", recordou Jorge Cerqueiro, decano do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo. "Aínda que moitas empresas poidan ver a investigación como algo que pode perturbar a situación, precísanse máis doutores en enxeñería industrial para avanzar na parte técnica", recomendou Constantino García, vicedecano do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

Nese camiño da especialización e de aprendizaxe continuo o mestrado que maior número de matriculados rexistrou foi o de Enxeñería da Edificación e Construccións industriais, que chegou a súa terceira edición con 80 alumnos. Séguelle o de Enerxía e sustentabilidade, con 60 matriculados, o de Tecnoloxías e procesos na industria do automóbil (53), Enxeñería da soldadura (50), Dirección e xestión loxística e da cadea de subministración (50), Prevención de riscos laborais (40), Tecnoloxías avanadas de procesos de deseño e fabricación mecánica (35), Contaminación industrial: avaliación, prevención e control (30), e os de Enxeñería Térmica, Enxeñería Química e Investigación en Tecnoloxías e procesos avanzados na industria, con 12 estudantes cada un.

Unha nova senda

A nova Escola de Enxeñeiros Industriais supón agora "o tronco central da formación dos profesionais que vertebran a industria de toda Galicia" nunha cidade que tivo a capacidade de xerar emprego e que lle debe "unha gratitude interminable aos enxeñeiros e peritos vigueses", como explicou Abel Caballero, alcalde de Vigo. Por iso, o novo centro, con 4500 alumnos, 500 profesionais traballando e dous sedes moi distanciadas fisicamente só pide que os axentes políticos e sociais sepan "entender e atender as nosas singularidades. Levamos anos suando a camiseta, facendo de todo con case nada, polo miúdo, sen levantar a voz. Esta fusión expresa a vontade da enxeñaría industrial de camiñar xuntos para salvar á industria galega", subliñou Juan Pou.

A unificación da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais e da Escola Universitaria de Enxeñería Industrial foi "un camiño longo e dificultoso pero agora está funcionando a pleno rendemento cun equipo novo que ven con ilusión e gañas. Pero aínda quedan problemas que identificar e afrontar: a atomización dos equipos de investigación, a falta de adhesión entre ámbitos... A cohesión estrutural está feita, pero falta a de obxectivo para que non só sexa un centro grande, senón un gran centro", destacou José Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia do Coñecemento.

Novas oportunidades

En tempos de crise mirar ao redor é o mellor xeito de atopar novas oportunidades para introducirse no mundo laboral. "Hai moitos temas moi cercanos nos que centrarse e para os que estes mestrados tanto profesionalizantes como de investigación son unha gran método de introdución", recordou Juan Laso, conselleiro delegado de T-Solar, fundador do antigo Comunitel e encargado de dar a clase maxistral no acto de graduación. Agora, inmerso nas enerxías renovables, invitou aos novos enxeñeiros a que boten unha ollada ao que os rodea para atopar esas novas saídas. "Vivimos unha auténtica revolución coas novas enerxías, que poden solucionar todos os problemas que ten Europa en consumo e que significaría cambiar gasto en combustibles fósiles que non temos por aforro", recordou Laso. Só con "formación e esforzo" pode gañarse en competitividade cada día.