DUVI

Diario da Universidade de Vigo

21 da XVII promoción da licenciatura en Química e 25 da I promoción do novo grao

46 novos químicos dispostos a deixarse seducir por un futuro de desafíos

O decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia critica na graduación a nova Lei de Servizos Prof

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 31/05/2013
46 novos químicos, 46 novos profesionais dispostos a demostrarlle á sociedade a súa valía. Eles foron os protagonistas do acto de graduación da Facultade de Química, no que recolleron as súas bandas 21 alumnos e alumnas da XVII promoción da licenciatura en Química e 25 da I promoción do novo grao. Nunha tarde de nostalxia e emoción, na que houbo oco para o recordo e moitos desexos de boa sorte para o futuro, os novos titulados deixaron sobre a mesa moitos mensaxes, pero dous foron os máis repetidos: “o esforzo valeu a pena” e “o desafío é grande pero somos quen de afrontalo”.

Acompañados pola vicerreitora de Investigación, Asunción Longo; a decana da facultade, Soledad García Fontán; o decano do Colexio de Químicos de Galicia, Antonio Macho; pais, nais, irmás, amigos... as alumnas e alumnos, agora xa titulados, foron, xunto aos seus padriños, os profesores Ignacio Pérez Juste e Antonio Ibáñez Paniello, os auténticos protagonistas.

Críticas á nova Lei de Servizos Profesionais

“Que o futuro profesional vos permita demostrar a vosa valía”, subliñoulles ao inicio do acto a decana da facultade, Soledad García Fontán, quen, ademais de facerlles fincapé en que estaban a vivir un dos momentos máis emotivos da súa vida universitaria, os animou a deixarse seducir polos desafíos que constantemente formula a sociedade e, sobre todo, a traballar pola ciencia e a investigación, pois, subliñou, “o futuro da ciencia e o noso propio depende de vós”. Recordoulles tamén que son xa parte dunha profesión de alta tradición e retounos a estar sempre orgullosos de ser xa químicos, unha profesión que, ao seu ver, esixe altas doses de vocación e non poucos sacrificios.

A non quedar “cruzados de brazos” animounos tamén o decano do Colexio Profesional de Químicos de Galicia, Antonio Macho, que aproveitou a súa presenza ante esta nova xeración de químicos para polos ao día sobre a nova Lei de Servizos Profesionais que está a preparar o Goberno central e que, ao seu xuízo, de saír adiante suporía un grave prexuízo para a profesión, pois “relega aos profesionais científico-técnicos a profesionais de segunda, xa que non considera aos químicos profesión de colexiación obrigada”, subliñou, ao tempo que salientou a necesidade de esixir “idénticas atribucións no exercicio libre da profesión ca médicos, enxeñeiros ou avogados”.

Dous padriños “entusiastas da docencia”

Se alguén había emocionado no acto, ademais dos egresados e as súas familias, foron os padriños: o da licenciatura, Ignacio Pérez Juste, e o do grao, Antonio Ibáñez Paniello, “dous entusiastas da docencia”, como eles mesmos se definiron. "Foron os profesores que máis marcaron o noso paso pola facultade, por ser tan próximos e por darnos a seguridade de que van estar sempre aí, por iso os eliximos”, salientaron os alumnos. “Como non estar agradecido, é toda unha honra que te elixan como padriño”, salientaba o profesor Ibáñez Paniello, quen, tras cumprir 70 anos e chegada a xubilación, este acto de graduación tivo para el un sabor especial. “Que te elixan como padriño é moi gratificante, pois isto só se produce cando cumpres dúas condicións básicas: ser bo profesor e ser boa persoa”, subliñou. El demostrouno en numerosas ocasións, non en van, nos últimos anos foi elixido padriño en máis dunha ducia de ocasións.

Nas súas intervencións convidáronos a pensar, a emprender, a ir adaptando os seus coñecementos aos novos escenarios e, sobre todo, “por moi difíciles que estean as cousas, a mirar sempre cara adiante”.