DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Algeria, Canadá ou Perú, entre os destinos máis novidosos

48 países dos cinco continentes, 48 posibilidades de estudar fóra

Aberto ata o día 18 o prazo de presentación de solicitudes para participar en programas de intercam

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 10/02/2011
Dende os clásicos destinos Erasmus ata China, dende Australia ata Brasil... esta semana abriuse a convocatoria de solicitude de prazas para participar o vindeiro curso nos programas de intercambio. Requisito imprescindible: moitas gañar de vivir experiencias novas, mellorar en idiomas e formarse “en todos os sentidos”, como subliñaba, Iria Saavedra, alumna de Química que acudiu as charlas informativas que está a ofrecer a Oficina de Relacións Internacionais nos tres campus para pór ao día ao alumnado sobre as diferentes posibilidades de cursar parte dos seus estudos no estranxeiro, ben nalgún dos 26 países europeos con convenio Erasmus, ou en calquera dos outros 22 cos que a Universidade ten convenio.

Como principais novidades desta convocatoria saliéntase a incorporación de novos países como Algeria, Canadá, Cuba, Marrocos ou Perú. “Ademais dos destinos Erasmus tradicionais, este ano estamos en condicións de ofrecer como destino 176 prazas en 22 países dos cinco continentes”, subliñou o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, que adiantou que, en breve, se ampliarán os intercambios con China a través do programa ltol, International to International de ISEP. “Desta maneira teremos ademais da Universidade de Estudos Estranxeiros de Beijing coa que xa temos convenio coa Jiangxi University”, engadiu o vicerreitor.

Unha experiencia chea de vantaxes

Ademais de ser unha experiencia persoal enriquecedora, ser bolseiro Erasmus ten outras vantaxes de tipo académico. Entre elas, a responsable de ORI, Amelia Rodríguez, destacou no Edificio de Ciencias Experimentais, onte esta mañá tiveron lugar as charlas, que o programa “permite estudar nunha universidade europea sen ter que tramitar o acceso e a matrícula, sen solicitar a validación dos estudos cursados anteriormente e sen pagar taxas de matrícula, xa que seguides sendo alumnos da Universidade de Vigo”. Pero, segundo salientou, o máis importante é “o recoñecemento académico e que se volve con outro nivel de idiomas e as empresas valoran moito esta experiencia e a iniciativa de saír da casa”.

O curso pasado houbo máis de 1000 solicitudes

Animados por coñecer outras culturas e por ampliar estudos no estranxeiro, o curso pasado 966 estudantes da Universidade solicitaron formar parte do programa Erasmus e, finalmente, foron seleccionados máis de 700.

As solicitudes para o programa Erasmus e os outros programas de intercambio 2011-2012, á excepción de China pódense presentar ata o vindeiro 18 de febreiro e as prazas ofertadas, así como as datas das sesións informativas, a contía das axudas ou os requisitos de idiomas pódense consultar na páxina web da ORI.