DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade lidera un proxecto de cooperación con Cabo Verde, Mozambique e Santo Tomé

480.000 euros para promover as enerxías renovables como motor de redución da pobreza en África

Quedan por diante dous anos para buscar solucións innovadoras que melloren o acceso destes países á

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 26/05/2014

Promover o sector da enerxía como motor de redución da pobreza. Este é o principal obxectivo de HEEMS, un proxecto de cooperación con Cabo Verde, Mozambique e Santo Tomé Príncipe liderado dende a Universidade de Vigo e financiado pola Unión Europea con algo máis de 480.000 euros. Púxose en marcha hai apenas seis meses e os responsables do proxecto, os profesores Domingo Docampo e Anxo Sánchez Bermúdez, acaban de volver dunha primeira reunión de traballo en África, por diante quedan dous anos nos que sacar adiante diferentes solucións innovadoras que melloren o acceso á enerxía renovable, sobre todo aplicada ao sector mariño, de tres países ligados historicamente ao sector pesqueiro galego e nos que a falta de acceso ás fontes modernas de enerxía se debe principalmente a súa elevada pobreza.

O profesor Anxo Sánchez Bermúdez é o director científico do proxecto e a coordinación xeral correspóndelle a Domingo Docampo, delegado do reitor para o Campus Dixital do Mar, cuxas infraestruturas (plataformas de educación en liña, WebTV, videoconferencia...) se empregarán ao longo dos 30 meses de duración do proxecto. “Para nós o grande obxectivo é formar profesionais alí que poidan achegar solucións en lugares nos que o acceso á enerxía non sempre é doado”, subliñan xa de volta en Vigo Anxo Sánchez e Domingo Docampo.

Cabo Verde, Santo Tomé Príncipe e Mozambique

A idea do proxecto xurdiu analizando en detalle as diferentes convocatorias que se lanzan dende Unión Europea. Así foi como se toparon co Programa Edulink II, dirixido a incrementar os vínculos entre as institucións educativas de Europa, África e algúns países caribeños. A convocatoria establecía dous temas básicos nos que se podían centrar os proxectos, agricultura e enerxía, e tiveron claro que no campo enerxético a Universidade tiña suficiente bagaxe como para optar a un destes proxectos. “Puxémonos mans a obra e enviamos a proposta en xullo de 2012”, subliña Docampo, que explica que a solicitude se realizou baixo o paraugas do Campus do Mar, quen viña xa mantendo unha liña de colaboración específica con Cabo Verde e con quen xa había moita colaboración tanto no tema de pescarías a pequena escala como de acuicultura.

Desde o principio pensouse na busca de socios naqueles países nos que Galicia e, en xeral a Eurorrexión, ten fortes intereses pesqueiros. Cabo Verde, Santo Tomé Príncipe e Mozambique cumprían os requisitos necesarios e foi entón cando se puxeron en contacto cos respectivos centros de ensino superior destes países: a Universidade de Cabo Verde e o Instituto de Emprego e Formación Profesional (IEFP) en Cabo Verde; a Universidade de Zambeze e a Eduardo Montlane de Mozambique e o Centro Politécnico San Tomé Príncipe. “Agora o noso papel é transferir a estes países todo o coñecemento desenvolto pola Universidade de Vigo e o resto de institucións socias en Campus do Mar en relación coas tecnoloxías de baixo custo para o acceso á enerxía”, recalca Docampo.

“Solucións de pequena enerxía”

“Centrámonos nas enerxías renovables porque é evidente que para eles van ser un recurso fundamental”, explican os responsables do proxecto, que fan fincapé en que se trata de aumentar o “know how” nos diferentes campos relacionados co uso eficiente da enerxía e de aproveitar o uso a pequena escala das enerxías renovables aplicadas ao desenvolvemento do sector mariño. A maior parte das accións estarán destinadas a reforzar e mellorar a cualificación do persoal académico destes países en todo o relacionado coas renovables co fin de fornecer “solucións de pequena enerxía, solucións a pequena escala, que poidan chegar a aplicarse mesmo nunha única vivenda, e onde os propios usuarios se poidan facer cargo do mantemento sen necesidade de depender de colaboradores externos”.

1ª reunión en Cabo Verde para captar as necesidades específicas

Este mes tiveron unha primeira reunión en Cabo Verde cos socios caboverdianos e de San Tomé e a súa seguinte viaxe será a Mozambique no mes de xuño. O obxectivo destas viaxes é coñecer de primeira man a realidade dos diferentes países socios e as súas necesidades específicas. Trátase de escoitar os problemas concretos cos que se atopan e o tipo de solucións que a eles lles gustaría implementar, subliñan os responsables do proxecto, ao que engaden que durante as reunións tamén se busca coñecer os programas educativos que xa teñen e aqueles aspectos que máis botan en falta. “O importante é captar as súas necesidades”, subliña Docampo, facendo fincapé en que dende aquí se achega o coñecemento tecnolóxico pero son os socios africanos os que, independentemente da súa escaseza de medios, infraestruturas e apoios, coñecen a fondo a súa contorna. “Todos imos contribuír por igual a sacar adiante o proxecto”, recalcou Docampo, facendo fincapé na relevancia de escoitar e contar coas achegas dos docentes locais “se queremos que isto teña éxito”.

A primeira xuntanza xeral do proxecto será probablemente en febreiro de 2015 en Mozambique. “Será entón cando se presenten todas as accións a levar a cabo e o calendario detallado de actividades”, subliñou Docampo, que adiantou que as principais actuacións irán dirixidas a “formar aos formadores”, docentes nos diferentes centros de ensino africanos, e mellorar os seus programas educativos. “Primeiro vén a educación, logo virán os resultados”, recalcou o coordinador do proxecto, que quixo resaltar que co proxecto HEEMS agardan chegar a ter un impacto na mellora das condicións de vida dos habitantes destes países. Pola de agora teñen xa en mente a creación dalgúns pequenos prototipos que poidan ir abrindo camiño: unha cociña solar para unha vivenda, unha pequena instalación fotovoltaica, algunha solución de iluminación LED para os mariñeiros locais... son só algúns exemplos de solucións tecnolóxicas coas que facilitar o acceso á enerxía á poboación destes países.