DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello de Goberno aprobou incrementar lixeiramente o número e a dotación das bolsas

497 prazas de aloxamento nas residencias dos tres campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 10/05/2011
497 prazas nas residencias dos tres campus e 124 bolsas de aloxamento, nove máis ca no curso anterior. Nun curso cun orzamento restritivo no que infraestruturas, administración e extensión universitaria afrontaron un importante recorte de orzamento debido ás dificultades económicas e financeiras, “a Universidade mantén e mesmo incrementa lixeiramente o esforzo naqueles colectivos que máis o precisan: os estudantes”, subliñou o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, no Consello de Goberno celebrado esta mañá, unha sesión na que, ademais da convocatoria de prazas e bolsas de aloxamento para o alumnado, se aprobaron diferentes cuestións, entre elas o plan de organización docente para o vindeiro curso académico.

Nunha convocatoria similar a de anos anteriores, a Universidade oferta para o próximo curso 497 prazas de aloxamento nas catro residencias dos tres campus: 218 prazas no Complexo residencial universitario O Castro en Vigo; 70 na residencia concertada A Peregrina de Pontevedra; 189 no Complexo residencial universitaria As Burgas de Ourense e 20 no Complexo residencial concertado Alcai en Allariz.

124 bolsas de aloxamento

No que a axudas ao aloxamento se refire, o vindeiro curso ofertaranse un total de nove bolsas máis ca no actual curso académico. Divididas en dous tipos de axudas, A e B, o número de axudas de tipo A increméntase de 53 a 54 bolsas e pasan de 115 euros cada unha delas a 120 euros por mes. No caso das de nivel B, o incremento é de oito bolsas, ofertándose en total 70 bolsas de 60 euros mes, oito máis cas que se concederon no curso pasado, segundo informou o vicerreitor de Extensión Universitaria.
As solicitudes, tanto para as prazas como para as axudas, poderán solicitarse ata o vindeiro 2 de xullo, un prazo no que se inclúe ao alumnado que vai iniciar primeiro curso por primeira vez, que deberán achegar un documento acreditativo da cualificación final obtida nas PAAU.
En canto aos prezos, apenas varían con respecto aos de este curso académico, oscilando entre os 110 euros por persoa e mes na residencia Alcai de Allariz e os 642 que lle custará a un alumno o aloxamento en habitación individual con manutención na residencia A Peregrina de Pontevedra. Os únicos centros que incrementan os seus prezos (8,11 euros por persoa e mes) son O Castro en Vigo (278,28 euros persoa/mes) e As Burgas en Ourense (278,28 euros por persoa e mes con cociña e 213,61 sen cociña).

Directrices para o seguimento dos novos graos e mestrados

O Consello de Goberno na sesión ordinaria celebrada hoxe tamén aprobou as directrices para o seguimento dos títulos oficiais de grao e máster, “algo que nos facilitará ás universidades a detección de posibles desviacións ou deficiencias segundo a memoria inicial presentada”, subliñou o vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia, que destacou a importancia deste tema de cara a renovación das acreditacións dos diferentes títulos. “É algo que nos axudará ás universidades na identificación de boas prácticas e na toma de decisións para establecer as melloras que é necesario incorporar no transcurso da implantación do plan de estudos”, engadiu, se ben dende Nova Universidade se criticou a falla de concordancia entre “a calidade que se persigue e os recursos dos que se dispoñen”, en referencia “ao exceso de burocracia ao que nos vemos sometidos, cando cada vez temos menos recursos dos que dispor”, subliñou o profesor Armando Caballero.

Outros temas

Nunha sesión na que se aprobaron diferentes convenios de colaboración con universidades de México, Arxentina e Brasil, os sindicatos aproveitaron a quenda de rogos e preguntas para solicitar a restruturación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do PAS funcionario tanto de Vigo, como Ourense e Pontevedra, ao que dende o equipo de goberno se lle respondeu que era un tema necesario, adiado en numerosas ocasións, “e no que xa se iniciou a reflexión e o debate”.