DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vicente Rodríguez Gracia doa as súas coleccións científicas á Universidade de Vigo

50 anos de expedicións para o Centro de Investigación e Interpretación da Biodiversidade

Constan dun herbario de 30.000 pregos e 60.000 insectos, entre outros fondos

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 15/11/2011
Vicente Rodríguez Gracia é un reputado psiquiatra ourensán cuxa verdadeira paixón desde os 13 anos, cando saía co seu pai ao monte, é a bioloxía. Esta paixón levouno durante 50 anos a recolectar e capturar persoal e metodicamente unha inxente e rica variedade de especies vexetais e animais durante as numerosas campañas e expedicións que realizou pola Península e por todo o mundo. Delicadamente gardados e identificados en pregos de papel e caixas atesoura agora unha das mellores coleccións científicas galegas e estatais, cun herbario 30.000 pregos de papel e unha colección entomolóxica de 60.000 insectos. Para ser o xermolo do futuro Centro de Investigación e Interpretación da Biodiversidade, o doutor vén de doar as súas coleccións á Universidade de Vigo e as súas caixas xa se atesouran na biblioteca do campus de Ourense para comezar a traballar na súa valorización.

Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, realizou este martes unha visita á sala onde están depositados na biblioteca universitaria os fondos, para coñecelos de primeira man e ver os traballos iniciais que se están realizando con eles. “Coa incorporación destes materiais, dun valor incalculable, faise posible o despegue do que será o futuro Centro de Investigación e Interpretación da Biodiversidade”, salientou Mato. O reitor, que gabou a “entrega xenerosa” do doutor Rodríguez Gracia, explicou que paralelamente á tramitación que se está facendo da doazón, a Universidade de Vigo habilitou este espazo de transición para que Vicente Rodríguez puidese traer xa ao campus de Ourense as súas coleccións. “Unha vez formalicemos esta doazón, poderemos empezar a actuar de forma efectiva na busca de financiamento e colaboracións para o futuro centro”, apuntou Salustiano Mato.

O terceiro herbario de Galicia

Os fondos obxecto de doazón son un herbario, unha colección entomolóxica, un arquivo fotográfico, unha serie de coleccións chamadas “menores” e outros elementos relacionados. O herbario consta duns 30.000 pregos, en gran parte en papel de periódico, cuns 25.000 rexistros diferentes que o converten no terceiro máis importante de Galicia. “É unha colección moi completa en flora cincunmediterránea, flora alpina e alpinizada, sobresaíndo as familias das gramíneas e compostas”, explicou o doutor. Entre elas e con especial aprecio, nomeou ao prego da Verbascum prunellii, especie descuberta por Valdés Bermejo e o propio Vicente Rodríguez.

O segundo gran bloque dos fondos é unha colección entomolóxica composta por uns 60.000 insectos documentados e montados en alfinetes ou pegados en cartolinas. “É sen dúbida un dos depósitos máis numerosos de Galicia”, salientou Rodríguez Gracia, que destaca entre os exemplares a colección de bolboretas diúrnas de Ourense. “Dada a procedencia de moitos exemplares de rexións remotas e pouco exploradas, sospeitamos que na colección se poden atopar formas inéditas”, advertiu durante a visita aos fondos.

Alén destas dúas grandes colección, a doazón inclúe outras chamdas "menores", de minerais e rochas, sementes, fósiles e un longo etcétera. Froito das súas viaxes, tamén hai un arquivo fotográfico de 5000 fotografías, en diapositivas e en formato dixital, de elementos naturais que realizou Vicente Rodríguez nas diferentes expedicións realizadas ao longo destes 50 anos de dedicación.

Traballos actuais e futuros

Feito o traslado ao campus de Ourense dos fondos, segundo explica o doutor Gracia, agora están realizando unha base de datos de plantas e insectos, etiquetando de xeito unificado os pregos do herbario e os insectos e dixitalizando as diapositivas. Un arduo traballo ao que dedica tres horas ao día e no que conta co apoio inestimable do seu axudante, Juan Antonio de Jesús. Deste xeito ponse a semente do futuro Centro de Investigación e Interpretación da Biodiversidade, destinado a fomentar a investigación, a divulgación e a musealización destes fondos e doutros que se poidan ir incorporando no futuro.