DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pasaron a noite na sede de Torrecedeira da Escola de Enxeñería Industrial

50 estudantes péchanse a prol dun ensino público de calidade

Organizarán asambleas informativas en distintos centros para animar ao alumnado a acudir á folga xer

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 08/11/2012

Reivindicar un “ensino público e de calidade”. Ese é o obxectivo co que un grupo de medio cento de estudantes pechouse esta noite na sede en Torrecedeira da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo. O encerro estivo organizado pola Asemblea Universitaria de Vigo, a Liga Estudiantil Galega e os Comités Abertos, que tamén quixeron facer un chamamento ao alumnado para que participe de forma activa na folga xeral que se celebrará o vindeiro 14 de novembro.

Dende as 21 horas, os participantes levaron a cabo debates sobre os principais temas que preocupan ao estudantado porque pode repercutir “de xeito negativo” na súa educación, xa que consideran que “non se garante o acceso á universidade ás clases populares” e se camiña cara a privatización desta institución pública. Ás 08.30 horas, coincidindo coa reapertura das instalacións, decidiron dar por terminado este peche “simbólico para non interferir no funcionamento habitual” da escola.

Movilización para a folga xeral

Durante os vindeiros días, as organizacións estudantís centrarán os seus esforzos en organizar asambleas nos distintos centros universitarios para facer un chamamento á participación activa na folga xeral do 14 de novembro. “Chamamos a todo o estudantado galego a secundar a folga porque entendemos que nun contexto no que se entende a democracia como un cheque en branco cada catro anos, a única solución é a mobilización social masiva”.