DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Staff Training Week desenvolverase do 5 ao 9 de marzo no Edificio Miralles

50 expertos de 13 países elixen Vigo para pórse ao día en estratexias de internacionalización das universidades

Abrir a Universidade aos seus socios europeos e debater diferentes temas de actualidade, principais

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 28/02/2012
Abrir a Universidade aos seus socios europeos e debater conxuntamente diferentes temas de actualidade no campo da internacionalización das universidades. Estes son os obxectivos da denominada International Administrative and Teaching Staff Training Week, un encontro que reunirá a vindeira semana no campus a 50 expertos chegados de trece países da Unión Europea (Polonia, Francia, Italia, Eslovenia, Finlandia, Portugal, Romanía, Austria, Alemaña, Noruega, Países Baixos, Turquía e Hungría).

Organizado pola Oficina de Relacións Internacionais, este foro de debate tivo xa unha primeira edición no 2010, data na que o vicerreitor de Relación Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, sinalou a internacionalización como unha das “prioridades estratéxicas” do, naquel intre, novo equipo de goberno. Agora, a prioridade segue sendo a mesma, “fomentar a cooperación e o intercambio de boas prácticas e experiencias que nos fagan mellorar”, apuntou.

O encontro, cofinanciado polo Centro de Excelencia Jean Monnet da Universidade de Vigo, desenvolverase do 5 ao 9 de marzo no Edificio Miralles e xirará entorno ao papel que están a ter as novas tecnoloxías da información e as comunicacións na internalización dos centros de ensino superior.

Programa

Cun programa organizado en catro bloques fundamentais, “a idea é que nós poidamos explicarlles aos nosos socios o que estamos a facer en temas de internalización e que eles poidan contar tamén as súas experiencias”, explica Eva Garea, coordinadora do encontro, quen explica que a primeira xornada será de toma de contacto e incluirá, ademais da benvida polo reitor, a intervención do vicerreitor de Relacións Internacionais e unha presentación da Universidade de Vigo, que se complementará cunha visita as instalacións do campus.

O resto da semana dividirase xa por paneis temáticos, “tratados sempre desde unha perspectiva internacional”. O martes o tema central serán as redes sociais; o mércores, a televisión e os medios audiovisuais no ámbito da educación e da promoción das universidades; o xoves, as estratexias de comunicación nun mundo conectado e, xa o venres, as dobres titulacións. “Hai que ter en conta que entre os asistentes hai tanto persoal das ORIs dos diferentes países como profesores interesados no tema da internacionalización”, engade Garea, que explica que a través destas xuntanzas de traballo se busca tamén “que cada vez a nosa Universidade se coñeza máis a nivel europeo e, polo tanto, sexa cada vez máis elixida como destino e tamén buscar contactos para a posta en marcha de novos proxectos europeos”.