DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo acolle un curso sobre a temática

50 futuros empresarios aprenden a importancia do protocolo nos negocios

A actividade está dirixida por Juan José Feijóo, experto en cerimonial e protocolo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 18/02/2010

Un grupo de 50 alumnos da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo asisten estes días a un curso de protocolo empresarial impartido por Juan José Feijóo, experto en cerimonial e protocolo. A actividade comezou o seu desenvolvemento o día 9 de febreiro e concluirá este venres co obxectivo de transmitirlle ao alumnado a importancia de coñecer as normas básicas de comportamento e saber estar na sociedade en xeral e no mundo da empresa en particular. O seminario estruturouse en dous apartados ben definidos: o protocolo empresarial, ao que se dedicaron as primeiras clases da actividade e o protocolo social aplicado á empresa, moi importante para uns estudantes que aspiran dirixir o seu propio negocio nun futuro próximo.
Juan José Feijóo comezou o seminario explicándolles aos estudantes unhas nocións básicas de protocolo empresarial comezando por analizar polo miúdo a normativa existente neste ámbito e a aplicación desa normativa no ámbito da empresa. O seguinte paso foi o protocolo empresarial, dende a imaxe corporativa e o manual interno de protocolo ata a estrutura xerárquica no seo da empresa, a organización dos actos ou a dinámica protocolaria na vida interna da compañía. O docente explica que, neste primeiro bloque de contidos, tentou adecuar o protocolo ao mundo da empresa. “A finalidade foi a de facer moito fincapé na importancia da imaxe corporativa da empresa pero tamén na imaxe que transmiten os directivos da compañía na sociedade, porque o seu comportamento é moi importante de cara á proxección da empresa no exterior”, asegura.

A importancia da imaxe e da actitude persoal no empresario moderno

O último bloque do seminario, que se está a desenvolver ao longo de toda esta semana, está dedicado ao protocolo social abordando aspectos como a imaxe persoal, a roupa, o vestir, os modais na mesa, o trato persoal, saúdos e presentacións... Unha amalgama de comportamentos que os asistentes ás clases deben ter moi en conta de cara á súa actividade futura como empresarios. Juan José Feijóo subliña a importancia de coñecer moi polo miúdo todos estes aspectos relacionados co comportamento e máis na figura do empresario moderno. Nas súas palabras, “o empresario moderno debe saber unhas normas de convivencia básicas: saber andar, vestirse, normas de hixiene... e o que intento nestas clases é transmitirlles aos participantes uns coñecementos que lles sirvan para enfrontarse ao mundo real”. Vivimos nunha sociedade mediática e de formas e, neste contexto, o empresario vende imaxe. “Estes estudantes deben ter moi en conta que cando comecen a desenvolverse como profesionais poden chegar a perder un negocio se van mal vestidos ou non saben comer, por exemplo. De aí a importancia de ir sempre ben vestido e de saber como comportarse nunha comida de traballo”.

A imaxe do empresario ante os medios de comunicación

As últimas xornadas do seminario están dedicadas aos medios de comunicación e á súa relación co mundo da empresa. Neste punto o docente estalles a explicar aos estudantes aspectos como o papel do xornalista na súa relación coa empresa, as notas e comunicados de prensa e tamén a comparecencia ante os medios de comunicación. Juan José Feijóo quere transmitirlles tamén aos participantes nas xornadas unhas normas e consellos de como comparecer na televisión a través dun módulo práctico no que o alumnado vai ter a oportunidade de participar nunha entrevista ficticia de tres minutos de duración. Outra sesión práctica do seminario é a dun aperitivo como marco de relacións na sociedade. “Queremos que os estudantes se familiaricen co desenvolvemento dun acto público para que adquiran soltura e saiban unhas normas básicas de como saudar ou como dar a man, por exemplo”, conclúe o docente.