DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo indicou Isabel Valldecabres, asesora parlamentaria do Ministerio de Igualdade

O 50% das mulleres dedicadas á prostitución son vítimas da trata de persoas

No módulo Jean Monnet sobre Dereito da Unión Europea e Menores, de Amsterdam a Lisboa

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 16/04/2010

O 50 % das mulleres dedicadas á prostitución son inmigrantres irregulares e foron identificadas no último ano como vítimas da trata de persoas no noso país, unha cifra que reflicte o alto índice de criminalidade neste ámbito. Así o indicou Isabel Valldecabres, asesora parlamentaria do Ministerio de Igualdade, durante a súa intervención no módulo europeo Jean Monnet, Dereito da Unión Europea e Menores, de Amsterdam a Lisboa, no que expuxo as medidas propostas polo Goberno para atallar a trata de persoas con fins de explotación sexual.
Segundo afirmou Valldecabres na facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, “o descoñecemento deste fenómeno foi a causa de que non se considerase un problema social grave, posto que se confundía coa prostitución tradicional, coa que conviviamos cunha certa normalidade, ademais de aparecer disfrazado como tráfico de inmigrantes ou man de obra”. Por este motivo, non foi ata o ano 2007 cando o Goberno puxo en marcha o Plan Integral de loita contra a trata de persoas con fin de explotación sexual, “que contou coa colaboración de todos os departamentos ministeriais, comunidades autónomas e organizacións como Amnistía Internacional”, explicou a asesora parlamentaria.
Neste plan contémplanse un total de 62 medidas e foi dotado con 40.000.000 de euros no primeiro ano, uns cartos que, segundo as verbas de Valldecabres, “nunca son suficientes, pero conseguilos en tempos de crise aínda é máis complicado. Acadar a dotación actual foi posible grazas ás unidades de igualdade coas que contan todos os ministerios, que reivindican a importancia da transversalización das políticas de xénero en todos os ámbitos. De non ser así, este problema ocuparía o derradeiro posto nas prioridades dalgúns departamentos ministeriais”. O financiamento do Plan Integral para atallar a trata de persoas é fundamental para evitar a proliferación deste fenómeno “por tratarse dun sofisticado sistema criminal que vai en aumento por tres razóns principais: os altos beneficios que reporta, o baixo risco que supón e porque socialmente non é un fenómeno moi perseguido” argumentou a asesora parlamentaria. Ademais, a situación agrávase posto que, “as vítimas da trata son empregadas tamén como mulas para o tráfico de drogas e branqueo de capital, polo que rematan sendo delincuentes” engadiu Valldecabres.

62 medidas para atallar a trata de persoas con fins de explotación sexual

Entre as medidas propostas polo Goberno para atallar este delito, Isabel Valldecabres salientou a importancia dos plans de coordinación, “especialmente coas ONG, que son as que se aproximan as vítimas con frecuencia, establecendo unha relación de confianza, o que é moi relevante á hora de identificalas a elas e aos delincuentes para saber por onde se moven as redes de captación”. Durante a súa intervención, Valldecabres tamén fixo referencia ás políticas activas de cooperación coas autoridades competentes dos países de orixe, tránsito e destino do tráfico das persoas, “grazas á cal foi posible a detención de máis de mil individuos vinculados á trata de persoas”.
A educación e a sensibilización social tamén é un punto fundamental como prevención do fenómeno, recollido dentro do Plan Integral, co que se pretende acadar a tolerancia cero ante a trata de persoas, “xa que existe un ambiente permisivo dado que en moitos casos se identifica erroneamente coa prostitución voluntaria” explicou Valldecabres.
Finalmente, a asesora parlamentaria do Ministerio de Igualdade gabou as correccións levadas a cabo no artigo 177 do Código Penal para adecualo aos convenios internacionais de trata de seres humanos. En palabras de Valldecabres, “este artigo aborda a captación e transporte das vítimas da trata con fins de explotación sexual, laboral ou de tráfico de órganos e tamén introduce medidas para garantir a responsabilidade patrimonial das organizacións autoras destes delitos”. As modificacións introducidas aprobaranse o vindeiro mércores na Comisión do Congreso dos Deputados, “quedando un texto debidamente configurado, mellorado e perfeccionado tecnicamente” apuntou Valldecabres.
Por outra banda, o vindeiro 23 de abril terá lugar a cuarta xornada do curso Dereito da Unión Europea e Menores, de Amsterdam a Lisboa, que comezará co relatorio A eliminación de todas as formas de discriminación e os dereitos humanos das nenas, impartido pola profesora da USC, Irene Rodríguez Manzano. Ademais, nesta xornada abordaranse cuestións como o dereito ao reagrupamento familiar e o dereito de asilo en España e na Unión Europea, da man do profesor da Universitat de Valencia, Javier de Lucas, que tamén preside a Comisión Española de Axuda ao Refuxiado.