DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sétima edición do 'Maratón solidario de aeróbic e pilates'

50 quilos de alimentos axudarán ao comedor social dos Padres Franciscanos a pasar un mellor Nadal

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijoo DUVI 16/12/2010

Deporte e solidariedade volvéronse atopar de novo na cita que desde hai sete anos manteñen no Pavillón Universitario do campus de Pontevedra con motivo do Maratón solidario de aeróbic e pilates. 50 quilos de alimentos foi o resultado dese encontro, no que todo os asistentes debían doar un quilo de produtos non perecedoiros a cambio de tres horas de exercicio, que foron enviados ao comedor social Padres Franciscanos. Como indicou Gustavo Loureiro, técnico do servizo de Deportes do campus e coordinador das xornadas “o número de quilos sempre supera ao número de persoas asistentes, porque cada unha achega entre catro ou cinco quilos”, aínda que este ano non se superou a cantidade recollida na edición anterior. Mais, trátase dunha pequena gran axuda que tenta paliar “as consecuencias da crise que está arruinando a moitas familias”, en palabras de Loureiro.

Baixo o lema “fai deporte e coopera cos máis necesitados”, o Maratón solidario de aerobic e pilates congregou arredor dunha trintena de deportistas, preocupados tanto pola saúde como por colaborar cos máis necesitados. Como en edicións anteriores a comida recadada, na que destacou a achega de legumes, pastas, arroz e conservas, foi enviada ao comedor social dos Padres Franciscanos, que sirve cada día máis de cen comidas, o que suporá “unha pequena colaboración con unha institución que se atopa desbordada, agradecendo calquera doazón xa que cada vez contan con maior número de xente nos seus comedores”, en palabras de Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus de Pontevedra. “Son unhas datas moi idóneas para pedir a colaboración da cidadanía, pois sempre en Nadal estamos máis sensibilizados coa problemática social”, engadiu.

Menos participación que en edicións anteriores

A recadación de alimentos non cubriu as expectativas dos organizadores do maratón, xa que estimaran nun principio conseguir arredor de 100 quilos. Entre as causas da baixa participación, o técnico de servizo de deportes destacou o feito “de que estamos en época de exames”, cuestión que inflúe en demasía xa que o perfil de participantes soe encaixar no de “muller universitaria, usuaria das escolas deportivas do campus”.

Exercicio era o que se daba a cambio da doazón de alimentos. Tres horas traballando o corpo con actividades de step, aeróbic e para rematar, unha sesión de pilates. A sesión comezou cun quentamento para tomar contacto e adaptarse ao ritmo, seguido dunha clase de salsa. A continuación desenvolvéronse os exercicios de aeróbic para rematar cunha instrución de pilates que permitiu estirar e relaxar o corpo despois da intensidade da xornada. En resumen, “cultivar o corpo e a mente grazas á contribución para unha causa moi xusta”, tal como indicou a monitora de pilates Aurora Cordeiro. Ao longo do maratón os participantes recibiron bebidas isotónicas e barritas enerxéticas para manter o ritmo e tamén unha camiseta de agasallo, todo elo xentileza das entidades patrocinadoras do evento, como Gadis, Diario de Pontevedra, Punto Deporte e a propia Vicerreitoría do campus.