DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadoras da UVigo participan nun proxecto sobre desigualdade, segregación e exclusión social

O 50% das traballadoras estranxeiras tería que mudar de ocupación para estar equilibradamente representadas no mercado laboral

Tras tres anos de traballo presentan as primeiras conclusións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Investigación
M.Del Río DUVI 21/02/2020

Co obxectivo de comprender as orixes e identificar as consecuencias da desigualdade e da exclusión social botou a andar en decembro de 2016 un proxecto do Plan Nacional de I+D+i no que participaron, como membros do equipo ou como colaboradores externos, catro investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo. Coral del Río, Olga Alonso, Carlos Gradín e Amaia Palencia, do grupo Ecosot, xunto con especialistas das universidades de Alcalá, Autónoma de Barcelona, Complutense de Madrid e Rey Juan Carlos, coordinaron un subproxecto centrado nas desigualdades económicas no mercado de traballo, analizando e cuantificando a segregación ocupacional. Rematado o período de tres anos de duración deste estudo, estanse dando a coñecer os resultados das diferentes liñas de investigación, entre elas, as desenvolvidas polo equipo vigués. Os docentes da UVigo, que forman parte da agrupación estratéxica Ecobas, centráronse, por unha banda, en avaliar a situación das persoas LGTB no mercado de traballo de EEUU; por outra, en realizar unha análise comparativa en Europa da segregación ocupacional da poboación inmigrante e nativa, e como terceira pata, en desenvolver un concepto novo, que denominan perda de benestar que a sociedade experimenta debido á segregación, ofrecendo índices que permiten cuantificalo.

Unha das conclusións máis destacadas no que se refire á poboación inmigrante en España é que o 50% das mulleres de nacionalidade estranxeira tería que mudar de ocupación para estar equilibradamente representadas en todas as ocupacións do mercado laboral. No caso dos traballadores estranxeiros esta cifra alcanza a un de cada tres traballadores. “Segundo os nosos cálculos, e de acordo coa información dispoñible nas enquisas oficiais de mercado de traballo (o que supón unha estimación conservadora), o salario medio das mulleres estranxeiras era un 25 por cento inferior ao da economía no seu conxunto, e un 80 por cento desa diferenza viría explicada pola elevada concentración do seu emprego en ocupacións de baixos salarios (principalmente emprego doméstico)”, explica Coral del Río. No que se refire aos homes, presentan unha situación algo mellor, “pero igualmente gravosa, ao teren un salario medio un 17% inferior á media, sendo a súa segregación ocupacional responsable de case o 70% desa diferenza”, engade.

A poboación emigrante, máis segregada no sur de Europa

Ao abeiro deste proxecto e no marco da súa tese de doutoramento, Amaia Palencia desenvolveu un estudo comparativo da situación da poboación inmigrante en diferentes países europeos. Os seus resultados amosan que a poboación inmigrante están menos segregada no Reino Unido, Holanda, Irlanda e Suíza, mentres que Italia, Grecia, Chipre e Hungría presentan os maiores niveis de segregación. De feito, os países do sur, incluíndo a España, amosan “un patrón de emprego particular: os fogares empregan unha gran cantidade de mulleres inmigrantes e crean un réxime de coidados que se veu denominar na literatura, ‘unha inmigrante na familia’, réxime que é practicamente inexistente no resto dos países europeos”, recorda Palencia. Os resultados do estudo tamén reflicten unha situación moi desigual entre os países do norte do continente, xa que a segregación da poboación inmigrante é baixa en Suecia, pero Dinamarca e Finlandia presentan niveis bastante elevados. Os países do leste caracterízanse por ter unha moi baixa proporción de inmigrantes no seu mercado laboral, o que obrigou a restrinxir o estudo a só dous de ditos países: Hungría e República Checa. En ambos casos, e a pesar disto, “a segregación resultou ser das más altas dentro dos países europeos”. 

Os resultados deixan outros dous datos salientables. Por unha banda, que os homes inmigrantes están menos segregados que as mulleres e, por outra, que a segunda xeración está menos segregada que a primeira en practicamente todos os países, en liña coas predicións da ‘teoría da asimilación’.

O colectivo LGTB en EEUU

O estudo realizado polo equipo da UVigo tamén ten analizado a importancia da distribución por ocupacións dos individuos que viven en parellas do mesmo sexo co obxectivo de explicar a posición económica das mulleres lesbianas e os homes homosexuais en EEUU. Os resultados amosan que as mulleres lesbianas son o grupo co nivel de segregación máis baixo dos catro analizados, é dicir, “é o grupo máis uniformemente distribuído por ocupacións”, mentres que as mulleres heterosexuais teñen o nivel máis alto. Así, explica a profesora del Río, “só un 20% das mulleres lesbianas terían que cambiar de ocupación para distribuírse de maneira uniforme entre as ocupacións, mentres que esta porcentaxe é case do 30% para as mulleres heterosexuais”. 

A análise tamén revela que a distribución dos homes homosexuais por ocupacións bríndalles unha ganancia monetaria, con respecto ao salario media dos/as traballadores/as (que viven en parella), mentres que a das mulleres lesbianas só lles permite afastarse das grandes perdas que teñen as mulleres heterosexuais. Dun xeito xeral, o maior nivel educativo e, en menor medida, o menor perfil migratorio protexen os traballadores en parellas do mesmo sexo, “revelando que os homes homosexuais non gozan do privilexio dos homes heterosexuais e que as mulleres lesbianas non están libres da marca de xénero”.