DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será en novembro no XVII Congreso da Asociación de Expertos Científicos Investigadores en Turismo

500 expertos internacionais en turismo daranse cita no Carballiño

José Antonio Fraiz, docente da Universidade de Vigo, é o presidente do seu Comité Organizador

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 18/04/2012

Do 21 ao 23 de novembro a localidade ouresá do Carballiño converterase no epicentro internacional da investigación en turismo. Será na celebración do XVII Congreso da Asociación Internacional de Expertos Científicos Investigadores en Turismo AECIT, que reunirá a arredor de 500 congresistas. A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense terá un destacado protagonismo nesta cita, coa presenza de máis dunha ducia dos seus docentes no seu comité organizador, presidido polo docente da Universidade de Vigo José Antonio Fraiz.

O congreso foi presentado este mércores en Santiago de Compostela por Juan Ignacio Pulido, presidente de AECIT; Jesús Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Carmen Pardo, secretaria xeral para o Turismo; Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, e Argimiro Marnotes, alcalde do Carballiño. Durante a súa intervención o conselleiro destacou a importancia de que “se desenvolvan foros de debate para expertos e profesionais nas novas concepción e liñas de traballo no turismo centradas na creación e desenvolvemento de produtos de alto potencial, así como en ofrecer experiencias con alto valor engadido, singulares e personalizadas”. Neste senso, Carmen Pardo resaltou a importancia da formación como unha importante ferramenta de competitividade, pois "o sector turístico está conformado nun 75% de recursos humanos, polo que a aposta pola formación dos mesmos é fundamental".

Epicentro organizativo no campus

A cita terá como lema central A creación e desenvolvemento de produtos turísticos: innovación e enfoque experiencial. Para entender a súa elección, José Antonio Fraiz explica que “a competividade no sector hoxe en día está centrada nestas dúas cuestións, en ofrecer novos produtos e en acadar que o turista goce da súa visita, repita e/ou a recomende a outras persoas”. Coa intención de afondar e avanzar nestes temas, os organizadores da iniciativa agardan xuntar na localidade ourensá a arredor de 500 congresistas, procedentes principalmente de España, Portugal e Iberoamérica pero tamén con representación de Norteamérica e outros países europeos.

“O obxectivo do congreso é converterse nun foro de debate e reflexión de novas propostas e enfoques no eido turístico, que require dunha continua actualización para ser competitivo”, apunta o docente. Para acadalo, os comités traballan agora no deseño do programa e na difusión da súa celebración entre o sector, tanto a nivel estatal coma internacional.

Dado o volume e o perfil de persoas que mobilizará a cita, Fraiz chama tamén a atención sobre as oportunidades que o congreso abre de xeito indirecto. “Estes 500 congresistas que calculamos que asistan á cita son altofalantes influentes no sector turístico que queremos que se leven a mellor imaxe posible do Carballiño, de Ourense e de Galicia”, apunta. Deste xeito, o evento contará, alén de conferencias e mesas de traballo, cunha ampla actividade previa e posterior ás datas de celebración na que os asistentes gozarán de diferentes paquetes turísticos pola contorna. Xunto a esta relevancia para o sector, o presidente do Comité Organizador engade a propia relevancia para a Unviersidade de Vigo. “A día de hoxe Ourense é referente en investigación e formación en turismo e este congreso consolídanos neste eido aínda máis”.