DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No I Congreso de Docencia Universitaria

500 expertos reflexionan en Vigo sobre novas metodoloxías e innovación educativa

Co Espazo Europeo de Educación Superior como gran protagonista

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 02/07/2009

A implantación do Espazo Europeo de Educación Superior debuxa un novo panorama na docencia universitaria que require dunha actualización metodolóxica e dunha aposta pola innovación educativa. Todas as universidades españolas atópanse actualmente inmersas neste proceso de transformación no que a renovación formativa se perfila como un chanzo imprescindible. Neste contexto nace o Congreso de Docencia Universitaria, organizado nesta primeira edición pola Universidade de Vigo coa colaboración das de Santiago e Coruña, que reúne no campus vigués ata o sábado a 500 docentes do ensino superior procedentes de toda Galicia, Brasil, Portugal ou México. Máis de 360 comunicacións, xunto con ponencias, mesas redondas e relatorios contribuirán nunha posta en común dos traballos realizados ata agora polos profesores no camiño da innovación na docencia.

A docencia, no centro da realidade universitaria

“Abandonada e pouco incentivada ata agora”, apuntou o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, no acto de apertura, “agora a docencia sitúase nun primeiro plano, o EEES fainos falar de calidade e para iso debemos renovar e innovar nas metodoloxías docentes, é o momento da docencia con maiúsculas”. Gago avogou por deixar atrás a dicotomía entre docencia e investigación, a universidade do século XXI “non pode argumentar incompatibilidade entre as súas funcións” que tamén inclúen transferencia e divulgación científica ao tempo que “nos debemos ocupar tamén do primeiro emprego dos estudantes, da mobilidades ou do voluntariado”. Segundo o reitor “ou somos todo isto dun xeito harmónico ou non seremos nada”.
Neste mesma realidade que sitúa á docencia no centro do debate, o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa e organizador do congreso, Pedro Membiela, apuntou que os avances innovadores que se están dando “manifestan a implicación dos profesores pero tamén das institucións para que a docencia teña un papel protagonista”. Xunto con Membiela e o reitor, o acto de inauguración contou tamén coa presenza da vicerreitora de Organización Académica e Titulacións da Universidade da Coruña, Ana Tarrío que apuntou que as novas metodoloxías docentes sitúan ao estudante como peza central, “basculando dun modelo maxistral a un modelo de aprendizaxe de traballo en equipo, grupos pequenos, titorías...de xeito que aprendan a aprender”.
Sobre o proceso de aprendizaxe, Gago subliñou que se trata dun proceso creativo “onde os mellores educadores pensan na docencia como un proceso elaborado que anime aos estudantes a aprender, un acto intelectual de enorme importancia, erudito e no que están as mellores mentes da academia”. O reitor rematou a súa intervención animando aos presentes a “facernos fortes na boa docencia pública cunha universidade do século XXI, a universidade da aprendizaxe para todos, estudantes e profesores, en diálogo permanente”.

O proceso de avaliación, tamén co estudante

Se o novo modelo de educación superior sitúa ao estudantado como o centro da docencia, este colectivo tamén debería participar no proceso de avaliación. Esta é a aposta de Juan Manuel Álvarez Méndez, catedrático da Facultade de Educación da Universidad Complutense de Madrid, que foi o encargado da conferencia plenaria da primeira xornada de congreso.
Baixo o título de A avaliación ao servizo de quen aprende, Álvarez reflexionou sobre a importancia que ten este novo lugar que ocupa o estudante “aínda que esta visión non é nada novo, aínda que agora a reivindicamos con máis forza”. A través da súa experiencia de décadas como docente, o catedrático da Complutense fixo unha firme defensa da participación dos alumnos na avaliación “que non é o mesmo que cualificar, examinar ou controlar”. Segundo explicou, a autoavaliación é a mellor opción e animou aos seus compañeiros a deixar atrás o medo a ser enganados, “os exames tamén enganan e o feito de que o estudante participe no proceso de avaliación non é unha concesión nosa, é o seu dereito”, puntualizou. Dende o seu punto de vista se o alumno é responsable da súa propia aprendizaxe tamén o é da súa avaliación.
Para Juan Manuel Álvarez, o problema que presenta o proceso de avaliación non son as técnicas senón os principios dos que se parte. “A avaliación formativa, que ademais é continua, debe garantir o proceso gradual e adecuado na adquisición dos contidos da aprendizaxe”. É dicir, que non se trata solo de técnica e de ser obxectivos, “senón de ética e ser xustos e de estética e ser comprensivos”.

Dous días por diante

O I Congreso de Docencia Universitaria continúa este venres coa conferencia das expertas irlandesas Sarah Moore e Angélica Rísquez titulada Ensinando na universidade. Estratexias eficaces e principio clave e cunha mesa redonda sobre a docencia e a innovación no marco do EEES, xunto con comunicacións orais e póster.
A xornada do sábado, xunto coas ponencias e obradoiros, contará coa intervención de José Gimeno sobre Educar por competencias que porá o punto e final a este congreso, que a organización agarda se traslade en vindeiros anos ás outras universidades galegas.