DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase do único novo grao que se pon en marcha este curso no sistema universitario galego

52 estudantes estrean o Grao en Deseño

A docencia desenvolverase no edificio da Xunta en Benito Corbal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 07/09/2023

Despois de que os trámites para a aprobación da memoria da titulación obrigasen a adiar a súa posta en marcha ata este 2023, o vindeiro luns comezarán as clases do Grao en Deseño, a única titulación de grao que se incorpora no presente curso á oferta formativa do Sistema Universitario de Galicia. Un total de 52 estudantes, preto do 90% mulleres, conforman a primeira promoción desta nova titulación, coa que se pon tamén en marcha a Facultade de Deseño. Esta ten como sede provisional unha das plantas cedidas á Universidade de Vigo no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Benito Corbal, onde este xoves as novas alumnas e alumnos participaron nun acto de benvida no que puideron coñecer tanto as características do título como os espazos onde se vai impartir.  

Con 45 prazas de novo ingreso, o grao estréase cunha “boa acollida en canto a matrícula e demanda”, como recoñece o decano comisario, Marcos Dopico, e finalmente serán 52 os seus alumnos e alumnas, 49 xa matriculados e matriculadas e tres estudantes máis a través das prazas de acceso por recoñecemento de créditos. Nesta xornada, coiñeceron por primeira vez as instalacións e o funcionamento do centro, nun acto que contou coa participación do persoal da biblioteca e dos servizos informáticos da UVigo.

Procedentes de Santiago de Compostela, Vigo e Ferrol, respectivamente, Esther Pontevedra, Jairo García e Alicia Santos son tres dos integrantes desta primeira promoción. “Asusta, pero tamén fai ilusión ser os primeiros que entramos aquí”, recoñece Jairo Iglesias, quen, tras rematar o bacharelato, optou incluír unicamente este grao na súa preinscrición para iniciar estudos universitarios. “Había moitas opcións, pero ao final só incluín Deseño, porque é o que me gusta, non quería facer outra cousa”, recoñece. Tíñao tamén claro Alicia Santos, para quen esta titulación era a súa primeira opción. “A verdade é que estaba asustada, pero leveime moi boa impresión”, recoñecía tras coñecer as instalacións nas que comezará a súa formación, coa idea inicial de especializarse en deseño dixital. Por outra banda, o seu interese pola fotografía e o audiovisual ligado á moda foi un dos factores que levou a Esther Pontevedra a matricularse neste grao tras non acadar praza en Comunicación Audiovisual. “Sempre me interesou moito a fotografía e o cinema”, recoñece esta alumna, que destaca o seu interese por unha titulación que lle permitirá “entender mellor o campo da moda á hora de facer fotografía”, á vez que recoñecía a “sensación de non poder preguntar a alguén como lle foi” que implica ser os primeiros en cursar estes estudos.

Unha peza máis para o Campus Crea 

Esta boa acollida, “cando apenas tivemos tempo de facer ningunha promoción, demostra que non nos equivocabamos” á hora de impulsar “un novo grao destas características”, sinala Dopico, que incide, non obstante, en que “na universidade sempre hai ese ‘efecto novidade’ e teremos que agardar a ver como se comportará nos vindeiros cursos” a demanda da titulación. “Pero somos optimistas”, engade o decano comisario, que lembra que Deseño impúlsase sobre os “cimentos sólidos” dun campus cuxo proxecto de especialización xira en torno á creatividade. “É importante salientar todo o traballo feito durante estes anos en titulacións como Esdemga, o Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda ou o Grao en Belas Artes, que dalgunha maneira avalan o bo facer da Universidade coa formación nas profesións creativas”, engade Dopico, para quen a traxectoria destes estudos “puido ser un importante aval para o alumnado que se decidiu a vir a Pontevedra a estudar Deseño”. Neste punto, lembra as “sinerxías positivas” entre alumnado de diferentes titulacións que se establecen no campus, ás que agarda poida sumarse o estudantado do novo título. “Pensamos que é un paso máis na consolidación do Campus Crea como campus de referencia en Galicia”, conclúe.

Dous anos de formación común e dúas especialidades

Formar deseñadores e deseñadoras integrais, capaces de xerar proxectos que teñan en conta múltiples procesos e soportes comunicativos é o obxectivo desta nova titulación, que conta cunha formación común nos dous primeiros cursos, centrada nas bases e fundamentos do deseño, para logo escoller entre as súas dúas especialidades, deseño gráfico e dixital e deseño de moda. Así mesmo, a titulación pon tamén o foco nas “novas posibilidades” abertas nos últimos anos “en áreas como a dixitalización, os novos materiais no ámbito da moda ou o deseño de aplicacións”, sinala Dopico. 

O seu primeiro curso impartirase integramente na sede de Benito Corbal e “a medida en que se implanten os seguintes, teremos que compartir recursos e espazos” con Belas Artes, explica o decano. De feito, o Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda seguirase impartindo en Belas Artes, onde está previsto que se impartan tamén as materias do grao relacionadas coa especialidade de moda, “ata que exista unha sede definitiva”. 

A Facultade de Deseño inicia a súa andaina

A posta en marcha desta titulación completa un proceso que abrangueu tamén a creación da Facultade de Deseño, á que se adscriben tanto este grao como o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda. Nese senso, este curso 2023/2024 implica tamén “que comeza a súa andaina” o propio centro, o que supón tamén, como sinala Dopico, un primeiro paso cara “cousas importantes”. Neste punto, o decano comisario destaca cuestións como “a posibilidade de medrar nun futuro, con outras titulacións relacionadas co ámbito do deseño, ou a ‘normalización’ da investigación en deseño”, algo que, engade, “resulta fundamental para consolidar a disciplina”.