DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentado por Anxo Quintana na inauguración do II Congreso de Agroecoloxía

54 medidas distribuídas en seis eixes de accións conforman o plan para consolidar o sector agroecolóxico galego

O congreso organizado pola Universidade de Vigo desenvólvese en Monforte

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 02/05/2008

A promoción dunha verdadeira política de ordenación produtiva, o incremento dos niveis de produción e eficiencia, a modernización das instalacións transformadoras, o fortalecemento dunha estrutura estable de comercialización , a potenciación dos instrumentos de control e o impulso da formación especializada, son os eixes de acción do Plan de Desenvolvemento da Agricultura Ecolóxica de Galiza 2008-2013, presentado polo vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana na inauguración do II Congreso de Agroecoloxía que se celebra ata mañá en Monforte de Lemos.
Organizado pola Universidade de Vigo o congreso reúne a científicos e agricultores que debaterán ata o domingo sobre o papel da agroecoloxía como motor do desenvolvemento rural. Unha cuestión na que incidiu o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana que apostou pola consolidación do sector agroecolóxico galego “avanzando nun incremento sostible da capacidade produtiva para chegar aos niveis que, con carácter obxectivo, lle corresponden a Galicia”.

Novo motor de dinamización do rural

Deseñado pola Consellería de Medio Rural, o vicepresente da Xunta presentou o Plan de Desenvolvemento da Agricultura Agroecolóxica de Galicia que contempla investimentos públicos por un importe de 39,4 millóns de euros ata 2013.
Un total de 54 medidas agrupadas en seis eixes de accións, articulan o plan que ten como finalidade consolidar o sector agroecolóxico galego facendo do sector “un novo motor de dinamización para o rural galego”, sinalou Quintana que tamén incidiu na crecente importancia que a agricultura ecolóxica experimentou nos últimos anos dentro da produción agroalimentaria mundial. No caso de Galiza, Quintana destacou que se producira un incremento do 387% entre o 2001 e o 2006, pasándose de 1974 hectáreas a 9600, localizándose o 90% da superficie inscrita neste sistema de produción nas provincia de Ourense e Lugo. Aínda así o vicepresidente da Xunta apuntou que “temos por diante un longo camiño por percorrer para facer de Galiza un referente dun modelo de produción agraria máis xusto socialmente e ecoloxicamente responsable”.
O plan que conta cunha contía media de máis de 6,5 millóns de euros anuais de investimento público está preparado para adaptarse ao novo marco legal de referencia da produción agraria ecolóxica que entrará en vigor na Unión Europea en xaneiro de 2009.

Científicos e produtores en pé de igualdade

O congreso organizado pola Universidade de Vigo “tenta”, segundo afirmou o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, no acto inaugural “responder a algúns dos interrogantes sobre o desenvolvemento rural en Galicia, colocando en pé de igualdade os científicos que traballan na agroecoloxía cos produtores e produtoras que manexan todos os días os ecosistemas e cos cidadáns preocupados pola alimentación sa”.
Area que se referiu na súa intervención á emerxencia dun novo paradigma tralo acurralamento sufrido pola tradición que ten como referentes o Plan Galego de I+D+i 2006-2010 e o Programa de Desenvolvemento Rural, afirmou que “este congreso organizado pola Universidade é unha pequena achega a esa tarefa colectiva na que homes e mulleres, científicos, políticos e toda a sociedade estamos comprometidos: a de construírmos un mundo perdurable, sustentable onde todos teñamos cabida mediante o respecto mutuo e o respecto á NAI natureza”.
Pola súa banda tanto o presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, como o alcalde de Monforte de Lemos, incidiron na importancia da realización de congresos de estas características. Mentres o presidente do comité organizador do congreso e profesor do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Xabier Simón, agradeceu a participación e o apoio recibido para a realización do foro.