DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo pioneiro do Observatorio de Persoas Tituladas, con 3217 participantes

O 54% das persoas egresadas da UVigo teletraballaron durante o confinamento

Os autores relacionan a baixa porcentaxe de traballadores en ERTE coa súa elevada cualificación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Saúde
  • Institucional
D. Besadío DUVI 06/10/2020

Antes da actual crise sanitaria, a maioría das persoas tituladas pola Universidade de Vigo (60,8%) carecía de experiencia previa na realización do teletraballo ou traballo remoto, pero a situación cambiou radicalmente co confinamento, chegando este xeito de traballar ao 54% dos egresados que participaron no Estudo sobre o impacto laboral da actual crise por covid-19 nas persoas tituladas da Uvigo. O informe, realizado polo Observatorio de Persoas Tituladas da propia Universidade e cuxo primeiro adianto de resultados acaba de facerse público na web do Consello Social, é “o primeiro que, no ámbito do sistema universitario español, avalía o impacto laboral da primeira vaga da pandemia no colectivo de egresados dunha universidade pública”, subliñan os seus impulsores: Luis Espada, director do observatorio, e Víctor R. Martínez Cacharrón, enxeñeiro industrial que se encargou de realizar a análise dos datos.

O estudo realizouse entre os días 25 de maio e 8 de xullo e nel participaron 3217 persoas tituladas –de múltiples promocións e titulacións- que responderon unha enquisa en liña que estaba aloxada na web do observatorio e que foi tamén enviada de xeito masivo por correo electrónico. “Neste adianto de resultados o impacto da actual crise por covid-19 é avalidado desde tres perspectivas: laboral, atendendo á incidencia na taxa de ocupación; sanitaria, en relación coa porcentaxe de contaxios no ámbito laboral, e modo de traballo, é dicir, principais medidas organizativas tomadas polas empresas/organizacións para afrontar a crise derivada”, explica Espada.

“Estes estudos son crónicas impagables que conforman unha visión humana privilexiada do que está a acontecer arredor da pandemia e que reflicte unha máis das inmensas e impensables posibilidades da rede de alumnos que están a tecer Luis Espada e Víctor M. Martínez”, explica o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa.

0 86% das persoas participantes mantiveron o seu posto de traballo

Para avaliar o impacto laboral da crise sanitaria no colectivo de egresados da UVigo inquiriuse pola situación socio-laboral de cada unha das persoas enquisadas no momento previo á crise por covid-19 (marzo de 2020) e no momento de responder a enquisa. Os resultados poñen agora sobre a mesa unha conclusión clara: a inmensa maioría (85,9%) segue no mesmo emprego/actividade que tiña antes do inicio da pandemia. Un 5% perdeu o traballo que tiña durante esta crise; o 4,3% xa estaba desempregado; un 3% segue na mesma situación anterior (estudante, xubilado/pensionista, prepara oposicións,...); un 1,2% mudou de emprego e só o 0,6% encontrou emprego no período avaliado.

Segundo os datos analizados, como consecuencia dos efectos económicos da crise a ocupación experimentou unha diminución do 4,88%, pasando dunha taxa de actividade do 92,2% no momento anterior á crise a un 87,7% no momento de responder. “A crise xerada pola covid-19 provocou un aumento da taxa de desemprego, pasando dun 4,7% en marzo a un 9,3% en xuño”, explican os autores do estudo, ao tempo que apuntan que as principais causas referidas polos que perderon o seu emprego foron a finalización de contrato (46,2%), seguida pola suspensión da actividade profesional (33,%) e os despedimentos (8,8%), sen ben, “a metade espera recuperar o emprego perdido”, recalca Martínez Cacharrón.

Máis do 60% exercen como persoal técnico cualificado

A baixa porcentaxe de persoas tituladas en ERTE (5,7%) é outra das grandes conclusións que se extraen deste primeira análise de datos. Desde o observatorio relacionan este dato con varios factores: dunha banda, o sector económico no que traballan, sobre todo docencia, administración pública, sanitario; doutra, a súa categoría profesional, xa que a maioría traballa como técnico cualificado (61,8%), mandos intermedios (20,6%) e directivos (11,9%) e apenas un 5,7% son empregados/as sen cualificación. Ademais, nesta cuestión tamén inflúe a área na que traballan, destacando -das 17 áreas avaliadas- a formación e ensino (16%), administración e finanzas (12%) e servizos (9,4%).

O 34% viviron casos de contaxio na súa contorna laboral

En atención do impacto sanitario da crise, o 34,3% das persoas que participaron no estudo referiu a existencia dalgún caso de contaxio por covid-19 na súa contorna de traballo. Neste senso, desde o observatorio indican que o impacto foi superior no resto de comunidades autónomas (58%) e no estranxeiro (44,8%) ca en Galicia (28,4%).  A maior incidencia deuse no ámbito público (43,7%) e os sectores económicos máis afectados foron o sanitario (70,8), banca e seguros (57,1%) e aeroespacial (53,8%).

Aos directivos e mandos intermedios que participaron na enquisa preguntóuselle tamén sobre as medidas que tiveron que tomar para encarar a pandemia nas súas organizacións. Entre as principais accións adoptadas destacaron aplicar o teletraballo/traballo remoto (82,6%), seguida pola restrición de viaxes e reunións presenciais (56,7%), intensificar a seguridade e hixiene (55,7%), flexibilidade de horarios e quendas do persoal (50,4%) e medidas formativas e informativas (48,2%).