DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Divididos en 16 grupos competiron na resolución dun reto de programación

54 persoas participaron desde Enxeñaría Informática na Hash Code 2019 de Google

Desde a escola superior fan unha valoración moi positiva da actividade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Ourense 01/03/2019

A Escola Superior de Enxeñaría Informática abriu este xoves pola tarde as súas portas ás persoas que quixeron participar desde este centro do campus de Ourense no certame internacional Hash Code 2019 de Google. A sala habilitada para a actividade encheu todos os postos dispoñibles, participando en total 54 persoas que, divididas en 16 grupos, afrontaron durante catro horas a resolución dun gran reto de programación lanzado por Google.  

“A valoración que facemos é moi positiva, foi un éxito de xornada. Tivemos un cheo total e a xente víase moi contenta cando ás 10.30 h estabamos rematando de subir as resolucións dos retos”, comenta Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Sobre a acollida que tivo a iniciativa do centro de unirse a este concurso, Rodríguez Martínez indica como na xornada celebrada este xoves participaron non só membros da comunidade universitaria senón persoas alleas a ela, estimando que un 70% das e dos participantes eran estudantes da Escola Superior de Enxeñaría Informática e un 30% persoas de fóra.

Desde 2015, Google convoca anualmente este concurso de programación no que convida a resolver en pequenos equipos, de estudantes e/ou profesionais, un gran reto de enxeñaría nunha xornada que se celebra internacionalmente de xeito simultáneo. Nesta edición, a Escola Superior de Enxeñaría Informática foi un dos Hash Code Hubs habilitados en Galicia polo que as persoas inscritas podían acudir de balde ás súas instalacións para participar desde alí no certame. “Abrimos as nosas portas co obxectivo de facilitar a participación neste evento. Podías facelo desde a casa ou outro lugar pero o que fomenta Google é que haxa sitios onde os equipos se coñezan, interactúen… non deixa de ser unha festa de promoción da programación”, lembra o director de Enxeñaría Informática.

Ordenar imaxes

Durante as catro horas de actividade, as e os participantes, que na súa maioría trouxeron os seus propios equipos para participar, tiveron que afrontar un gran reto de programación. Concretamente Google propúxoselles que creasen un rotador de imaxes (slide) con etiquetas (hashtags) para ordenar 80.000 imaxes horizontais e verticais. “Foi un reto complicado, intensivo”, recalca Francisco Javier Rodríguez. Durante a celebración da competición, que estivo marcada por un carácter lúdico, a Escola Superior de Enxeñaría Informática conectouse con outros centros de España para interaccionar e ser máis participativo. Ata o 5 de marzo non se coñecerán os resultados do certame e o nome dos equipos que serán convidados a unha oficina de Google para competir na rolda final.

“A idea é repetir para o ano que vén como Hash Code Hubs. Foi unha experiencia moi positiva desde o punto de vista da escola e desde o punto de vista dos participantes. Todo o mundo quedou encantado, moi motivado”, comenta o director do centro, que apunta como esta foi unha primeira experiencia que permitiu adquirir coñecemento para “facelo mellor” na vindeira edición.