DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No X Congreso da Asociación de Centros de Linguas no Ensino Superior, ACLES

55 universidades debaten en Vigo sobre a internacionalización lingüística do ensino superior

Coa participación de 200 persoas procedentes de institucións académicas de Europa e Asia

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 29/06/2017

Tanto na docencia como na investigación o inglés gaña cada vez máis peso nas institucións universitarias. Moitas universidades ofrecen titulacións completas ou materias neste ou noutros idiomas estranxeiros e poñen a disposición do alumnado e do persoal formación complementaria de idiomas para a mobilidade internacional e a I+D deseñando sistemas de acreditación de coñecementos lingüísticos. Isto responde á Estratexia para a Internacionalización das Universidades Españolas 2015-2020, pero neste contexto faise necesaria unha posta en común das estratexias de plurilingüismo que se están a desenvolver en cada universidade, algo que durante os tres próximos días se debaterá en Vigo no marco do X Congreso da Asociación de Centros de Linguas no Ensino Superior, ACLES. O obxectivo deste simposio bianual, que se celebra por primeira vez en Galicia entre hoxe e o sábado, é “analizar este novo papel dos Centros de Linguas como instrumento clave na internacionalización das nosas universidades e compartir boas prácticas en internacionalización a través das linguas”, como explica a profesora viguesa Esperanza Rama, presidenta do Comité Organizador.

No congreso participan “200 persoas procedentes de 44 universidades españolas e doutras 11 de Alemaña, Austria, Eslovaquia, Italia, Xapón, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa e Singapur, ademais de centros formadores e acreditadores de idiomas ou editoriais, escolas oficiais de idiomas, etc. apuntaba Rama no acto inaugural. Sobre a elección da Universidade de Vigo para a organización desta décima edición, subliñaba que “a elección fronte a outros centros universitarios galegos foi motivada polo excelente posicionamento que temos debido á consolidación e traballo desenvolvido tanto na docencia como na acreditación a través do Centro de Linguas, e polo seu papel no que atinxe á política lingüística no marco do Plan de Internacionalización da Universidade”. Pola súa banda, Cristina Pérez Guillot, presidenta de ACLES, destacou no acto inaugural que a asociación é un “claro referente no ámbito do ensino de linguas e éo polo esforzo de todos os membros” e apuntou que os Centros de Linguas e ACLES “están cada vez máis en sintonía coa sociedade e coas universidades, nas que os CdL son claves nos procesos de internacionalización”.

Preto de 300 docentes da Universidade de Vigo acreditados co ELA

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, destacou na súa intervención que a internacionalización é unha aposta estratéxica da institución viguesa e lembrou que con ese fin “nos últimos sete anos profesionalizamos, acreditamos e robustecemos o Centro de Linguas”. Un dos fitos deste proceso foi a creación do ELA, un certificado que acredita o persoal docente para poder impartir clases nun idioma estranxeiro. “Foi un atrevemento político facer que o profesorado pasase por un proceso de acreditación que certificase o seu coñecemento lingüístico, pero consideramos que isto é imprescinble para poñer en marcha graos noutros idiomas, dobres títulos internacionais, etc.”, recoñeceía Mato. Na actualidade xa son “preto de 300 os profesores e profesoras da Universiade de Vigo que contan con este certificado”.

Debate sobre o papel dos Centros de Linguas

A temática do congreso vertébrase en catro eixos fundamentais: política lingüística e internacionalización; formación específica para a comunidade universitaria; avaliación e acreditación de competencias lingüísticas e xestión e dirección de centros de linguas. Segundo Esperanza Rama os contidos “responden ao interese xerado por moitas cuestións que neste momento están poñendo en marcha as universidades como itinerarios bilingües, formación de profesorado e PAS, ensino semipresencial, acreditación propia CertAcles, nivel de idiomas e mobilidade, etc”. Este interese vese tamén reflectido na alta participación no congreso, “a máis elevada dos congresos de ACLES”, pero tamén é consecuencia do aumento no número de socios da asociación nos últimos dous anos.

O congreso comprende comunicacións, dúas sesións plenarias (da man de Dolores González, vicerreitora de Estudantes da Universidade de Vigo e coordinadora do documento Marco de Política lingüística da CRUE e de Kevin Haines, da Universidade de Groninga, dos Países Baixos) e tres obradoiros prácticos sobre estandarización da avaliación da produción oral e escrita; as boas prácticas de pilotaxe de exames e a formación do profesorado para a docencia en lingua estranxeira. Paralelamente terán lugar mesas redondas e, como novidade nesta edición, grupos de interese para fomentar a participación activa e o debate entre as persoas asistentes arredor de temas de relevancia para os Centros de Linguas como a docencia en lingua estranxeira; as probas de idiomas para o alumnado de intercambio; as colaboracións entre centros para a acreditación e o ensino semipresencial.

O documento marco de política lingüística para a internacionalización

Na conferencia plenaria que abriu o congreso, a vicerreitora da Estudantes da Universidade de Vigo, Dolores González presentou as liñas estratéxicas do documento marco de política lingüística para a internacionalización do Sistema Universitario Español aprobado pola CRUE en maio e coordinado por ela. Lembrou que “a internacionalización tense convertido nun dos criterios clave á hora de avaliar a calidade da investigación, a docencia e os programas de estudo das institucións de educación superior en todo o mundo” e como exemplo apuntou que en España hai 161 graos con 30%-50% dos créditos impartidos en inglés e 87 impartidos integramente en inglés, 105 mestrados con 30%-50% dos créditos impartidos en inglés e 367 integramente en inglés.

Pero a velocidade coa que se produciron estes cambios, segundo González, fixo “que en moitos casos a internacionalización dos nosos campus no referente ao uso de linguas estranxeiras na docencia, a investigación e a comunicación se fixese sen o amparo das necesarias políticas institucionais e nacionais que garantan o éxito e calidade da mesma”. Para cubrir este baleiro a CRUE decidiu elaborar un documento no que se recollen as recomendacións para coordinar as estratexias de internacionalización lingüística das universidades españolas. O documento, coordinado por González, foi aprobado polas 76 universidades que compoñen a CRUE na súa asemblea de maio e o texto ofrece unhas pautas e recomendacións concretas sobre tres liñas fundamentais de actuación como son a acreditación, a formación e a incentivación. O obxectivo é deseñar unha política lingüística de calidade abordando temas como “a enorme diversidade e heteroxeneidade no referente á acreditación dos niveis de lingua inglesa e doutras linguas estranxeiras ou a formación de alumnado, profesorado e PAS, co fin de que se deseñen e proporcionen as accións formativas necesarias para un ensino e unha aprendizaxe de calidade en lingua estranxeira”. Outro dos temas centrais que aborda este documento é o papel dos Centros de Linguas para a estratexia de internacionalización das universidades e tamén achega propostas no referido ás linguas co-oficiais no proceso de internacionalización, así como sobre a proposta de incentivos concretos que respalden os esforzos de adaptación e mellora que a internacionalización demanda.