DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acto de graduación da décimo sexta promoción

56 novos biólogos comezan a súa andaina profesional cargados de optimismo e ilusión

A madriña, Adela Sánchez, animounos a confiar nas súas capacidades e desenvolver un papel fundamenta

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 22/06/2012
“O biólogo ten a honra de dedicarse a estudar algo tan incrible como a vida en toda a súa expresión e a vida seguirá tendo que ser estudada, interpretada, entendida, analizada, a pesar da falta de diñeiro, as crise e os políticos”. Con esta dose de optimismo tan fundamentada, a madriña da décimo sexta promoción de Bioloxía, Adela Sánchez, animou aos 56 novos titulados no comezo dunha nova e emocionante etapa da vida, a profesional.

Acompañados pola secretaria xeral da Universidade, Inmaculada Valeije, a decana do centro, Cristina Arias e a presidenta co Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, Mercedes Casal, esta nova promoción de biólogos dixo adeus á súa vida universitaria para comezar a percorrer a senda laboral nun momento que para a súa profesión non semella tan complicado como para outras. E é que, como explica a profesora Sánchez, madriña por segundo ano consecutivo, “estamos nun momento, co cambio climático e as consecuencias que ten sobre a agricultura e os ecosistemas naturais ou co avance da biomedicina, no que os biólogos van ter un papel fundamental nos próximos anos e eu quero vervos aí, formando parte dese grupo de persoas que xera coñecemento e fai avanzar as sociedades”.

A decana, Cristina Arias, despediuse dos seus alumnos durante os últimos cinco anos cunha emotiva carta chea de chiscadelas e recordos deste tempo, unha misiva dedicada a Elisa, “porque Elisa sodes todos vós”. A esa simbólica destinataria protagonista do Para Elisa de Beethoven, Arias deulle as grazas “porque a túa fronte sempre se levantou cara a min como unha profunda interrogación á espera de que soe a palabra do profesor”. A decana animounos para a nova etapa que comeza e lembroulles que o único futuro perfecto é “o tempo verbal”. Por iso, a Elisa transmitiulle o seu alento e “se en algún momento, no camiño que vas comezar te atopas soa, lembra que aquí está esta vella profesora, que che desexa o mellor dos futuros en compaña da Bioloxía”.

Unha formación de calidade

A mensaxe de optimismo transmitida por todos os asistentes aséntase no convencemento da boa preparación académica desta nova promoción da Facultade de Bioloxía. Por iso, a madriña animounos a “saír con orgullo ao mercado laboral e non cortarse as ás antes de comezar a voar” e puntualizou que terminan a carreira tremendamente formados “nunha universidade como a de Vigo que, aínda que nova, está entre as mellores de España, e seino porque estudei aquí”. Con confianza nas súas capacidades, ganas e orgullo e sobre todo sen medo, ese é o consello da que foi a súa profesora, que os exhortou a que o día de mañá se lembren, cando lles toque decidir a eles, que “a universidade pública é mellor regalo que recibimos e non podemos maltratala”.