DUVI

Diario da Universidade de Vigo

UVigo e Deputación lanzaron este luns unha nova edición da convocatoria de axudas INOU-Campus Auga

59.000 euros para financiar proxectos de investigación que contribúan ao desenvolvemento da provincia

Tamén se presentou unha publicación que recolle os resultados dos traballos realizados en 2021

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 06/03/2023

A Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense lanzaron este luns unha nova edición da convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus de Ourense Inou-Campus Auga, que amplía de 47.000 a 59.000 euros o seu orzamento. A iniciativa está destinada a apoiar investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia e ao coñecemento da súa realidade así como á especialización do campus de Ourense como Campus Auga.

Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, e César Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense foron os encargados de presentar a convocatoria e tamén unha nova publicación electrónica na que se recollen os resultados dos traballos financiados en 2021 ao seu abeiro. No acto, Elena Rivo agradeceu á Deputación de Ourense o seu “apoio e xenerosidade”, lembrando que esta convocatoria está financiada ao abeiro do convenio que se asina anualmente con este órgano provincial para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural, investigación, formación e deportes no campus de Ourense. O lanzamento da edición 2023 destas axudas, indicou, coincide co peche do desenvolvemento dos traballo financiados en 2022 e coa publicación dos resultados dos proxectos gañadores en 2021.

Pola súa banda, Belén Rubio destacou que a convocatoria Inou-Campus Auga quere contribuír desde a investigación “á prosperidade de Ourense” e dar impulso ao proxecto de especialización Campus Auga, recalcando como Ourense conta cun campus “moi dinámico e “cunha investigación moi potente”. Como novidade este ano, a vicerreitora indicou que se muda de anteriores convocatorias o enfoque de financiar proxectos con varios subproxectos a outro no que a se aposta por pensar un obxectivo común e que sexa abordado desde diferentes puntos de vista, resolver un problema desde distintos ámbitos de coñecemento. Por último, César Fernández subliñou que “hai por parte da Deputación un compromiso estratéxico coa Universidade, neste caso co campus de Ourense, e estas bolsas Inou forman parte dese compromiso firme, decidido, que nestes tempos está aumentando por parte da institución provincial”. Ademais sinalou a importancia destas axudas porque financian "proxectos que están pensados para a provincia, que dalgún xeito nos permiten coñecer un pouco máis cal é a realidade social, científica e económica da provincia, pero tamén desenvolver estratexias para construír o Ourense do futuro en base ao coñecemento”.

Convocatoria e unha nova publicación

A convocatoria presentada este luns persegue impulsar a interacción entre grupos de investigación do campus de Ourense dos diferentes ámbitos de coñecemento. Ao mesmo tempo pretende ser unha vía para que persoal investigador a tempo completo máis novo e os que teñan máis dificultades para acudir a outras convocatorias poidan pór en marcha os seus proxectos e contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación. Poden beneficiarse destas axudas persoal investigador que cumpra os requisitos establecidos na convocatoria e que formen parte dun grupo de investigación da Universidade de Vigo. Cada grupo de investigación só pode liderar unha solicitude e os proxectos realizaranse de forma individual, cun ou dous investigadores ou investigadoras principais e un equipo de investigación proporcional coas tarefas a realizar. Poderase incluír persoal investigador de ámbitos diferentes, valorándose a multidisciplinariedade. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 24 de marzo.

Tal e como se explicou na rolda de prensa, a convocatoria do pasado ano financiou seis proxectos de áreas de coñecemento e grupos de investigación moi diversos que acaban de rematar a súa execución. Estiveron centrados nas implicacións ambientais, agrícolas e económicas do uso nanoagroquímicos cara unha produción alimentaria sostible de Solanum tuberosum L; a caracterización de micro e nanoplásticos de mostras recollidas nos recursos hídricos da provincia de Ourense e o seu aproveitamento empresarial, social e concienciación; as chaves de éxito da sustentabilidade das empresas ourensáns, a transformación dixital e a aplicación das novas tecnoloxías. Tamén se financiaron traballos sobre e a intelixencia artificial á resolución de conflitos en materia medio ambiental, con especial referencia á explotación e protección dos recursos hídricos na provincia de Ourense; sobre a avaliación da viabilidade do estudo das habilidades expresivas, con aplicación ao rendemento educativo e deportivo, mediante a localización en interiores de deportistas por medio de tecnoloxías de posicionamento con UAV e sobre o aproveitamento das podas da oliveira procedentes de variedades autóctonas galegas e a súa valorización para a obtención de compostos de valor engadido.

No acto celebrado este luns tamén se presentou unha publicación electrónica de acceso libre que recolle os traballos realizados ao abeiro desta convocatoria Inou no ano 2021. Entre os traballos recollidos están a análise da evolución recente da oferta aloxamento turístico na provincia de Ourense e dos novos patróns de conduta da demanda nun contexto de irrución do fenómeno das vivendas de uso turístico e a análise estatística do mercado de aloxamento turístico da provincia de Ourense dende unha nova perspectiva. Tamén hai estudos sobre a detección automática de momentos de risco alérxico da poboación ourensá, o padrón de comportamento dos e das adolescentes ourensáns en relación co uso dos videoxogos e a evolución histórica da implantación dos videoxogos na sociedade ourensá dende os anos 80 ata a actualidade. Un achegamento ás prácticas educativas e ás necesidades nos colexios rurais agrupados de Ourense e as habilidades para aprender neles dos e das escolares é outra das temáticas abordadas. Por último, a publicación tamén recolle unha aproximación á represión económica na provincia de Ourense a partir dos expedientes de responsabilidades civís e políticas e os lugares da represión franquista.