DUVI

Diario da Universidade de Vigo

600 deportistas compiten dende este mércores en Vigo no Mundial Universitario de Taekwondo

No acto de presentación, o tenente de alcalde subliñou a implicación da cidade co deporte

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 29/06/2010

Vigo acolle esta semana o Mundial Universitario de Taekwondo máis numeroso da súa historia con 600 deportistas de todo o mundo e no que o equipo da Universidade de Vigo agarda acadar uns resultados que permitan seguir cunha traxectoria impecable. No acto de presentación deste evento, que deportivamente bota a andar mañá mércores, o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, agradeceu á FISU a confianza depositada no Concello e na Universidade para a organización deste evento e salientou o importante retorno económico que supón para a cidade cunha máxima ocupación hoteleira e cinco establecemento cheos. A capacidade que Vigo demostra na organización de evento de calado internacional como Forum FISU a pasada semana e agora o Mundial fan que “non perdamos a esperanza de albergar unha Universidada” apuntou Domínguez.

Os deportistas universitarios

Entre os 600 participantes de arredor de 45 países haberá 26 universidades españolas, entre elas a de Vigo que concorre a esta competición con dous taekwondistas, Rebeca Mariño e Fernando Rascado aínda que haberá outros dous galegos que representarán á UNED, Juan Fernández e Estefanía Hernández. Miguel Ángel Nombela, director da Área de Estudantes e Deportes da Universidade expresou a súa confianza nas posibilidades dos universitario, avalados polos resultados da institución académica a nivel estatal en anos anteriores con vitorias en 2006, 2007 e 2008 e subcampionatos en 2009 e 2010.

Unha cidade implicada co deporte

Concello e Universidade traballan conxuntamente na organización deste tipo de eventos de carácter universitario coa ollada posta nunha futura Universidade, como expresaron na rolda de prensa. Pero este apoio decido é unha mostra máis de que Vigo é unha cidade “con alta conciencia da importancia do deporte”, segundo apuntou o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, polo que entende que non é casual que neste Mundial se baten marcas de participación. O concelleiro lembrou que en Alacante nas pasadas semanas Vigo foi premiada como o concello de España que máis colabora co taekwondo e coincidiu con Kemal Tamer, membro do Comité Executivo da FISU, en que “se fixo un bo traballo e estamos moi felices por iso”.

Os parabéns para Concello e Universidade viñeron dados tamén polos 280 delegados que participaron a pasada semana no Forum FISU, que lle deron á organización un 4,25 sobre 5, “case un sobresaínte”, en palabras do tenente de alcalde, Santiago Domínguez.