DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun obradoiro pioneiro en España

600 escolares construirán o seu propio robot na ETSE de Telecomunicación

O obxectivo é incrementar a curiosidade pola tecnoloxía entre os máis novos

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 09/09/2008

Arredor de 600 rapaces de entre 10 e 14 anos visitarán durante os meses de outubro e novembro a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación para participar nunha iniciativa pioneira na universidade española: unha serie de obradoiros de robótica nos que, ao longo dunha mañá, cada escolar construirá un robot e farao funcionar.
Baixo o nome de Enxeño, un grupo de profesores do grupo de investigación Radiación e Propagación organizou esta actividade dirixida a incrementar a curiosidade pola tecnoloxía entre os rapaces e aumentar a cultura científico-tecnolóxica da sociedade, mellorando, deste xeito, o diálogo ciencia-tecnoloxía-sociedade. “A idea xurdiu nunha estancia que realicei na Universidad de Nuevo México, onde as demostracións para nenos son habituais”, explica a profesora Verónica Santalla, unha das organizadoras do encontro.
A construción do robot permitirá introducir aos rapaces en múltiples conceptos. Por unha parte, relacionados coa mecánica, co obxectivo de que o robot se mova; por outra, co control do mesmo, o que implica o uso de sensores que permitan examinar o entorno, o procesado dos sinais recollidas por estes e a programación das accións a realizar. “Dáselle a caixa con todas as pezas e o software e eles terán que construílo. Ademais, terán instalado un programa para que poida realizar varias accións e sexan eles os que elixan a opción que máis lle guste”, explicou a profesora.

Excelente acollida entre os centros da provincia

Co prazo de solicitude aberto ata o 20 de setembro, a estimación é que arredor de vinte grupos, cun tope máximo de trinta rapaces, visiten a escola. “Enviamos cartas a cada un dos centros da provincia e a acollida foi moi boa, enseguida se puxeron en contacto con nós para reservar oco”, indica Santalla.
Cada un dos equipos contará con catro monitores para axudalos a realizar a peza. A iniciativa espertou o interese non só dos profesores da escola, que axiña conectaron coa idea e estiveron dispostos a colaborar, senón tamén entre os estudantes de segundo e terceiro ciclo. “A todos nos gusta a idea de ensinarlles o que é a tecnoloxía a idades en que aínda están a tempo de decidir sobre o seu futuro”, explica Codesido.
Ademais de financiamento da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) e da Consellería de Innovación e Industria de Galicia, os organizadores contan tamén coa colaboración do Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, no desenvolvemento e organización do obradoiro.

Na web do obradoiro pódese atopar información detallada e actualizada sobre Enxeño e como participar.