DUVI

Diario da Universidade de Vigo

600 expertos en calidade na educación e investigación reúnense en Vigo para analizar os sistemas de avaliación

Entre o 8 e o 11 de setembro, nun foro organizado polas universidades de Vigo e Granada e FECYT

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 03/09/2009

Coa adaptación da educación superior ao Plan Boloña, a avaliación da calidade, tanto na docencia como na investigación, está a ocupar un lugar de enorme relevancia. Para avanzar neste campo, a Universidade de Vigo e a de Granada organizan a vindeira semana, xunto coa FECYT, o VI Foro sobre Evaluación de la Calidad de la Educación Superior y de la Investigación, no que tomarán parte arredor de 600 expertos.
Dirixido, segundo explica o seu coordinador, Gualberto Buela-Casal, da Universidade de Granada, “a representantes de institucións e entidades relacionadas coa avaliación da calidade docente e investigadora no ámbito da educación superior”, a maior dos participantes son profesores universitarios, investigadores, vicerreitores e responsables de xestión universitaria. “O 80% dos participantes proceden doutras comunidades autonómas e incluso do estranxeiro”, destaca.

Máis de 400 relatorios

Nesta sexta edición, téntase cubrir unha oferta formativa especializa que permita aos asistentes coñecer a nova organización do ensino universitario, analizar e debater sobre a selección do profesorado, coñecer os diferentes sistemas de avaliación da calidade das revistas científicas e o labor de difusión e axuda prestada pola FECYT e debater sobre a situación do doutoramento en España e na UE. Outros dos obxectivos desta xuntanza son propiciar unha posta ao día da situación actual do proceso de converxencia europea así como coñecer os distintos plans que teñen as universidades para potenciar a I+D+i, a calidade e converxencia e achegarse ás diferentes ferramentas para avaliar a calidade da investigación científica.
Entre os días 8 e 10 deste mes presentaranse arredor de 400 ponencias, entre comunicacións orais, escritas e simposios. No que se refire ao programa, cabe destacar a presenza, entre outros, de José Manuel Fernández de Labastida, director xeral de Investigación e Xestión do Plan Nacional de I+D+i, do MICINN, que falará sobre a Lei da Ciencia e a Tecnoloxía. Xunto a el, participarán no congreso persoeiros da talla de Federico Gutiérrez-Solana Salcedo, presidente da Conferencia de Rectores de Universidades Españolas, que ofrecerá un relatorio sobre a universidade española ante os retos da sociedade e Rafael Rodrigo Montero, presidente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, que achegará aos asistentes o plan de actuación 2010-2013 do CSIC.
A Universidade de Vigo conta no comité organizador e científico coas vicerreitoras de Investigación e Titulacións e Converxencia Europea, Elsa Vázquez e Carmen García Mateo, respectivamente, xunto cos profesores Manuel Reigosa, Francisca Fariña e Ángel R. De Lera.