DUVI

Diario da Universidade de Vigo

600 traballos publicitarios compoñen a nova edición do anuario Creatividade Galega

Preséntase con salientables novidades no formato e na estrutura

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
M. Del Río DUVI 15/02/2008

"Un proxecto pioneiro en Galicia no que se escolman os traballos máis creativos de 70 empresas de publicidade, deseño e comunicación de Galicia”. Así define o anuario Creatividade Galega un dos seus autores, Chechu Pérez. Xunto con el, Alberto Dafonte e Eva Quintas, son os artífices desta iniciativa que vén de publicar a súa segunda edición.
Estes tres docentes e investigadores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación presentaron, xunto con Ignacio Louzao, director xerente de Galicia Calidade, a nova publicación, que presenta importantes cambios con respecto á edición anterior. Segundo explica Chechu Pérez, “cambia con respecto ao ano pasado no formato, que é o dobre, e na estrutura. A edición de 2006 estaba organiza da A á Z e cada empresa contaba cunha dobre páxina. Agora estrutúrase en función do soporte, en todos os ámbitos que cobren a comunicación corporativa”. En total son 600 traballos clasificados por soportes, “o que comprende identidade corporativa, aplicacións gráficas, deseño editorial, deseño web, audiovisual, embalaxes e un pequeno caixón desastres para campañas multimedia e outros soportes como os de fidelización ou de márketing relacional”, salientan os autores.
Ao acto asistiu tamén o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, e varios representantes das empresas que forman parte de Galicia Calidade, entidade dependente da Consellería de Innovación e Industria e responsable da edición do anuario.

Unha aposta pola creatividade feita en Galicia

Coa participación de arredor do 80% das empresas do sector publicitario galego, esta publicación pretende reivindicar a creatividade feita polas axencias e entidades galegas. Para iso, o anuario conta coa participación de empresas de comunicación, gabinetes de prensa que realizan algún tipo de produción gráfica, axencias de publicidade e estudos de deseño.
Segundo explica Chechu Pérez, “a idea é mostrar os seus traballos máis orixinais feitos ao longo do ano e que lles sirvan de tarxeta de presentación, xa que esta publicación se distribúe entre empresarios que operan en Galicia, tanto de aquí como de fóra da comunidade autónoma”.
Outra das novidades de Creatividade Galega 2007 é aposta polos novos creadores. A compilación reserva un espazo para aqueles estudantes universitarios ou de ciclos superiores de deseño que, no futuro, serán os verdadeiros protagonistas da publicación.

Un sector atomizado

Nunha sociedade que vive mergullada en mensaxes publicitarias, a saturación é o inimigo da creatividade, pero tamén pode ser o seu motor. “Este é o gran problema, vemos moitas mensaxes. Pero precisamente debido a esta saturación, e como resposta e ela, están xurdindo novos soportes, o que provoca que case calquera cousa pode converterse nun soporte publicitario en potencia”, explica do profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Pero o sector publicitario galego adoecía douto enfermidade, a falta de confianza por parte dos empresarios, algo que Creatividade Galega quere contribuír a cambiar. “Cando fixemos este libro tiñamos a intención de dar resposta a un feito real. En Galicia cada vez hai máis empresarios que confían no márketing e na comunicación como algo esencial para darse a coñecer e difundir a actividade que desenvolven e tamén para acadar un posición favorable no mercado no que compiten. En cambio, á hora materializar esa crenza non confiaban nas empresa galegas, e optaban polas grandes axencias de fóra”. Pérez subliña que “o noso obxectivo é que confíen na creatividade galega, que se fai moita e se fai ben”. Ademais, cabe salientar outra característica do sector publicitario en Galicia: “é un sector moi atomizado, hai moitos deseñadores, moitas axencias de publicidade e, con esta iniciativa, pretendemos poñer algo de orde, dun xeito externo, dignificando a profesión e, dun xeito interno, coñecéndonos uns a outros e coñecendo os nosos traballos”, puntualiza.