DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo unha investigación presentada nas xornadas" A igualdade na Universidade"

O 65% do alumnado universitario español recoñece ter sufrido algunha manifestación da violencia de xénero

As sesións comezaron hoxe no campus de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
DUVI 30/11/2009
Raquel Feijóo | Ourense
A violencia de xénero, un fenómeno complexo que afecta a mulleres de todas as idades, culturas, clases sociais e niveis educativos, é a primeira causa de mortalidade entre as mulleres antes dos corenta e cinco anos. Esta situación dáse en diferentes contextos sociais, familiares e laborais, e o ámbito universitario non escapa a esta realidad. Así se reflicte na Guía de prevención e atención da violencia de xénero nas Universidades, unha investigación desenvolvida en oito universidades españolas que pon de manifesto que ata un o 65% do estudantado universitario recoñece ter sufrido algunha manifestación da violencia de xénero. Lidia Puigvert, profesora de Socioloxía da Universidade de Barcelona, e participante no estudo foi a encargada da súa presentación na inauguración das xornadas A igualdade na Universidade: amosar e previr o acoso e a violencia, que hoxe comezaron no campus de Ourense. “As relacións de poder e sexismo maniféstanse na Universidade de distintas maneiras, chegando nalgúns casos a xerar situacións abusivas ou de violencia ou dificultando a súa denuncia por parte das vítimas”, sinalou Puigvert na súa intervención na que debullou os resultados dun proxecto de investigación levado adiante en oito universidades españolas polo Instituto da Muller e no que se constata que “existe violencia de xénero tamén no ámbito universitario”.

A violencia de xénero moi presente no ámbito universitario

O estudo que incluíu entrevistas a máis de mil estudantes puxo de manifesto segundo Puigvert que “cando preguntabamos se sufriran algunha das situacións que a comunidade científica internacional describe como violencia de xénero, como caricias non consentidas ou a petición dun favor sexual a cambio dunha nota, o 65% si recoñecía ter sufrido algunha destas situacións”.
Por outra banda o estudo confirma que o 92% das persoas enquisadas consideraban “necesario” un espazo no ámbito académico ao que dirixirse en caso de sufrir algunha situación de acoso ou violencia de xénero. Estes datos son suficientemente importantes, en opinión de Puigvert, “para que os equipos rectorais se plantexen tomar medidas como xa fan en universidades de primeiro ránking internacional, como Harvard”. Entre esas medidas estaría a creación de oficinas cun procedemento claro ante unha situación de acoso ou violencia. En definitiva, a posta en marcha de espazos aos que estudantes, profesores e PAS poideran acudir en caso de sufrir algún destes abusos.
O estudo levouse adiante en oito universidades españolas, polo que Puigvert non puido extrapolar os datos a todo o país. Con todo, subliñou que “as investigacións no ámbito internacional indican que a violencia de xénero existe en calquera ámbito, e tamén no universitario, onde existen aínda determinadas estruturas xerárquicas que impiden aínda que, sobre todo a muller, poida falar libremente”, declarou.

A Universidade actuará “de maneira taxante e implacable”

O vicexerente do campus de Ourense, Miguel Diéguez, falou na inauguración das xornadas de “concienciación”e revelou que na actualidade, na Universidade de Vigo, non se ten producido ningún problema deste tipo. En calquera caso adiantou que, de producirse, “a institución académica actuará de maneira taxante e implacable”.
Carmen Quinteiro, directora da Ärea de Igualdade da Universidade de Vigo, pola súa banda, afirmou que o acoso e a violencia de xénero son unha lacra que afecta a toda a sociedade, “e a Universidade non se libra da súa pegada”. E subliñou que os efectos sobre as vítimas son perxudiciais, “tanto no ámbito académico como tamén no persoal e no profesional”. Estas xornadas nacen co ánimo de animar a toda a comunidade universitaria a reflexionar sobre estes aspectos. “Queremos converter á universidade nun espazo libre de acoso e violencia para o cal, ademais de amosar o problema, debemos contribuír a crear un clima de apoio e solidariedade coas vítimas”. Unha ferramenta para conseguir este obxectivo, “para nós a máis eficaz”, nas palabras de Carmen Quinteiro, é a educación en valores. “Pensamos que é a mellor vacina para chegar a erradicar algún día esta enfermidade”, declarou.Unha opinión compartida polo vicerreitor do campus de Ourense Juan Francisco Gálvez que tamén incidiu neste aspecto na súa intervención.

Celebración nos tres campus

En Ourense, os encontros sobre A Igualdade na Universidade continúan o 1 de decembro cunha xornada dedicada á Violencia sexual na Universidade. O 2 de decembro será un día no que se falará sobre O acoso laboral con perspectiva de xénero na Universidade. E o 3 de decembro dedicarase a xornada a falar sobre Educación e prevención en materia de violencia. Pola súa banda en Vigo dedicarase o 1 de decembro a falar sobre A violencia sexual e o acoso laboral na Universidade. E en Pontevedra falarase sobre Educación e prevención da violencia na Universidade o 2 de decembro.