DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acto de graduación da IX promoción de Ciencias da Actividade Física e do Deporte

65 novos profesionais do deporte con ganas de transformar as dificultades en oportunidades

O reitor destacou a evolución do centro nos últimos anos que se consolidará cunha oferta ‘atractiva’

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 15/04/2011

O optimismo, o humor e a emoción foron os ingredientes principais do acto de graduación da IX promoción de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, no que 65 novos egresados recibiron os seus diplomas e bandas desexosos de dar os primeiros pasos no mundo laboral. A cerimonia estivo encabezada polo reitor, Salustiano Mato, quen felicitou aos futuros profesionais. Tamén interviñeron a decana da facultade, Francisca Fariña e Xosé Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, impartindo un relatorio titulado A última lección. O toque máis informal correu a cargo do padriño da promoción, o profesor José Luis García Soidán e dos alumnos Pablo Vieitez e Javier Martín.

Mato aproveitou o acto de graduación para destacar a evolución que nos últimos anos ten experimentado a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte “cun importante nivel de consolidación”. Engadiu que o seguinte reto académico do centro “será o salto cualitativo ao mundo da transferencia e da investigación cunha oferta atractiva e de calidade de posgraos”. Para os futuros licenciados dedicoulles unhas palabras de esperanza, destacando “que as crises económicas son momentos de oportunidades”. Así augurou “que nun futuro moi próximo as empresas necesitarán profesionais coma vós para mellorar a competitividade así que, estade atentos”.

Pola súa banda a decana da facultade, Francisca Fariña, reforzou esa mensaxe de optimismo cara a inserción laboral do reitor, pero fixo especial fincapé na conservación dos valores humanos “como o esforzo e o traballo, que serán os que vos leven a triunfar como profesionais pero sobre todo como persoas”. A decana tamén sinalou o compromiso de todos no recoñecemento da profesión, “necesario para conseguir a súa regulación, dignificación e definición das saídas laborais”.

Risas e lembranzas

A parte máis emotiva do acto de graduación correu a cargo do padriño da IX promoción, o profesor José Luis García Soidán que comentou “que a partir de agora teño uns 65 novos afillados e afilladas”. Na súa intervención mencionou con nome e apelidos a cada un dos alumnos e alumnas, salientando de cada un o deporte que practicaba. Lanzoulles un consello, “non paredes de estudar, dedicádelle tempo á lectura para seguir progresando intelectualmente”.

Despois da entrega da banda e dos diplomas a cargo dos profesores Joaquín Dosíl, Luis Casáis, Eduardo Domínguez, Telmo Silva, José Ángel Lago e Francisco Sáez, os alumnos tomaron a palabra representados polos compañeiros Pablo Vieitez e Javier Martín. Tras un vídeo que resumiu as experiencias vividas en catro anos de carreira e que arrincou risas entre os presentes, destacaron, con humor, os bos momentos vividos, as formación recibida e as amizades feitas. “A partir de agora será a sociedade quen nos poña a nota polo que non podemos perder a paixón que nos caracteriza, fagamos o que fagamos”, resaltou Javier Martín.

O papel “fundamental” da actividade deportiva

O secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Xosé Ramón Lete, foi o encargado de impartir a lección maxistral cun relatorio no que subliñou a importancia da actividade deportiva, definíndoa como “o auténtico plan de rescate do eido sanitario”. Apuntou que Galicia conta cun 55% de poboación con exceso de peso o que se traduce “nun maior gasto en enfermidades, aumento das baixas laborais e perda da produtividade”. Neste contexto, a práctica deportiva e saudable “combatería todas estas patoloxías e suporía unha recuperación no gasto”. Concluíu que o mundo do deporte xa conta cun peso importante na sociedade actual pois representa “o 4% do PIB e 15 millóns de empregos na Unión Europea”.

Na celebración tampouco faltou a música, pois o Coro Universitario puxo a nota musical a un encontro que rematou coa interpretación do Gaudeamus Igitur.