DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo se desprende da tese de Iván Martínez Lemos

O 69% do alumnado da Universidade de Vigo ten hábitos de vida sedentarios

O sedentarismo de PAS e PDI combaterase mediante o International Universities Walking Project

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Camino Carballeira DUVI 09/01/2009

A práctica de actividade física de forma regular é unha materia pendente para sete de cada dez alumnos da Universidade de Vigo. Non consta no expediente académico, pero si conta, é moito, na saúde. Segundo a tese do profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Iván Martínez Lemos, un 69% non practica de forma regular nin 30 minutos ao día de actividade física cunha frecuencia de, cando menos, cinco días á semana.
O estudo de Iván Martínez foi realizado entre 772 alumnos de primeiro e segundo ciclo durante o curso 2006/2007 en doce centros da Universidade. Avaliouse tanto a actividade física realizada polos estudantes como parte da súa vida diaria ao longo da última semana como a súa intención de cambio. Nesta prevalencia do hábito sedentario, as mulleres teñen un papel destacado xa que son o 64% do alumnado con signos de estilo de vida sedentario e representan o 72% do alumnado que non acada o nivel mínimo de actividade física preciso para mellorar a saúde.
Os datos non son bos pero tampouco convén premer a alarma porque “estamos igual ou incluso algo mellor que outras universidades españolas” ademais, convén consideralos como “un punto de partida para xustificar a intervención sobre un aspecto de saúde pública”, segundo sinala Iván Martínez. Como en todos os casos de saúde pública, a concienciación é un aspecto vital para promover o cambio de hábito e por iso recorda que “o sedentarismo mata porque aumenta o risco de enfermidades cardiovasculares”. A boa noticia é que se trata dun aspecto “moi modificable, no que non interveñen factores hereditarios” e para o que xa están valorando diferentes proxectos. Segundo indica Martínez, non é preciso torturarse no ximnasio para acadar os beneficios da práctica de exercicio físico xa que abonda con “camiñar cinco ou seis quilómetros ao día adaptando a intensidade á nosa situación en canto a idade, peso ou enfermidades”.

Vías de intervención

Precisamente por iso, o investigador tamén sinala algunhas propostas de intervención. A difusión das conclusións da investigación é unha das iniciativas que propón para modificar a conduta do alumnado. Ademais sinala a importancia de crear unha sorte de base de datos sobre a incidencia e prevalencia da inactividade física e apunta a posibilidade de incluír un novo ítem no cuestionario de datos que se entrega os alumnos no sobre de matrícula. A limitación do acceso dos coches ao campus, a acotación das áreas de aparcadoiros, a potenciación do uso das escaleiras e o retiro do mobiliario que invita a permanecer sentados ou deitado, son outras das suxestións. Un pequeno cambio no día a día, pero un gran cambio de cara a unha mellor saúde.

International Universities Walking Project

Na internvención sobre o sedentarismo, pero neste caso sobre os PAS e PDI da Universidade, xa está traballando o grupo de investigación HI20, do que Iván Martínez forma parte. E é que a Universidade foi invitada a participar nun deseño multicéntrico internacional dirixido a promocionar a actividade física no ámbito laboral. O International Universities Walking Project (IUWP), orixinario da University of Queensland, en Australia, ten como obxectivo intervir sobre os traballadores que presentan condutas sedentarias e animalos a ser máis activos propoñéndolles que camiñen máis ao longo da súa xornada laboral. Só tres universidades españolas, á parte da de Vigo, participan neste proxecto –Estremadura, País Vasco e Vic- no que tamén colaboran as de Arizona ou Alabama, Leeds ou a de Toronto. En breve, o grupo comezará a recrutar traballadores que quiera participar no proxecto que poden informarse na web que o grupo ten preparada. Martínez insiste en que se trata dun caso de "vixilancia da saúde laboral", unha investigación feita na universidade e que redunda en beneficio da propia institución, xa que se ve favorecida cun maior rendemento dos seus traballadores e a diminución do absentismo laboral.