DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 70% dos estudantes de intercambio valoran como excelente a estadía no estranxeiro

Segundo unha enquisa realizada pola Universidade entre máis de 900 bolseiros

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 22/08/2008

Ano tras ano as estadías no estranxeiro estanse a converter nunha opción moi demanda entre os universitarios. E é que a experiencia, tanto persoal como académica, que aportan os diversos programas de intercambio son altamente valoradas polos estudantes que tiveron unha destas bolsas. O 70% definen como excelente a súa estancia nas universidade de acollida, como se desprende dun estudo realizado pola Universidade de Vigo entre máis de 900 alumnos entre os cursos 2005-06 e 2006-07. Trátase de coñecer de preto a opinión dos estudantes que, con bolsas dos programas de intercambio, cursaron parte do ano académico noutra institución “para mellorar a atención que lles prestamos aos nosos alumnos e realizar un seguimento das estadías”, explica o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area.
O estudo revela un alto índice de satisfacción, xa que o 70% dos enquisados no curso 2005-06 e o 65% do 2006-07 describe a experiencia como excelente a nivel persoal. A valoración académica da estadía tamén é moi alta en ambos cursos académicos, máis do 40% cualifícana como boa e preto do 25% como excelente. Segundo subliña o vicerreitor, estas datos demostran que é “unha experiencia recomendable e, de feito, cada vez son máis os estudantes que repiten solicitando bolsas da ampla oferta programas de intercambio e de programas propios de Universidade de Vigo”.

Os idiomas, a principal motivación

Entre os factores determinantes para ir ao estranxeiro o maioritario é o idioma, seguido da experiencia europea e as motivacións académicas. De feito, tralo regreso, arredor do 50% dos estudantes (o 48% en 2005-06 e o 51% en 2006-07) consideran o seu dominio do idioma do país de acollida como bo e arredor do 20% como moi bo. Neste sentido, Area salienta que para a Universidade “é moi importante formar profesionais plurilingües” e destaca que isto facilita a inserción laboral dos futuros egresados grazas ao seu coñecemento de idiomas.
A enquisa tamén recolle a opinión dos estudantes sobre a duración da estancia, que consideran maioritariamente adecuada ou o xeito de obter a información sobre a universidade de acollida, para o que destaca o papel da internet e o da propia universidade de orixe. Por outra banda, preto do 30% dos estudantes cualifican como normal o seu grao de integración na institución de destino mentres que para outro 30% é bo. No que se refire ao aloxamento, trátase principalmente de residencias universitarias e casas compartidas, que constitúen case o 90% dos casos e recibe unha considerable valoración pola súa calidade.

O importante labor da ORI

Con este estudo, a Universidade tamén tenta coñecer a valoración que os estudantes de intercambio fan a Oficina de Relacións Internacionais e a axuda e información que esta lles prestou ao longo do proceso. No que se refire á información enviada pola ORI sobre a bolsa de intercambio, os estudantes destácana como excelente no 30% dos casos no curso 2005-06 e no 38% no ano seguinte. Atendendo ao trato persoal, o 37% dos enquisados en 2005-06 considérao excelente e en 2006-07 danlle esta mesta valoración o 47% dos bolseiros.
Xunto con este tipo de cuestións, a enquisa tamén recolle datos sobre a docencia e a infraestrutura da universidade de acollida, o grao de integración, a realización de exames ou o recoñecemento académico que servirán para coñecer as estadías dos estudantes propios no estranxeiro e mellorar os eidos que o precisen.