DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado polo Club Deportivo de Minas e Enerxía o 4 e 5 de outubro 

70 participantes e catro modalidades deportivas, na segunda edición do Torneo Minerxético

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Deportes
DUVI 03/10/2018

O pavillón universitario acollerá este xoves e venres a segunda edición do Torneo Minerxético UVigo, unha iniciativa do Club Deportivo de Minas e Enerxía co obxectivo de fomentar a práctica deportiva, de xeito prioritario, entre o alumnado da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, aínda que o trofeo tamén está aberto a alumnado e profesorado doutros centros. Fútbol sala, voleibol, baloncesto e ping-pong son as catro modalidades deportivas que inclúe o torneo, que comezará o xoves ás 15.00 horas cun partido de fútbol sala. O torneo prolongarase ata a tarde do venres e unha vez finalizado procederase á entrega de trofeos aos equipos gañadores en cada unha das disciplinas deportivas.

Unha aposta polos equipos mixtos e pola promoción do club

“Os deportes son mixtos, de xeito que tanto alumnas como alumnos poidan disfrutar dun evento deportivo que se celebra antes da Olimpíada de Minas. En todas as disciplinas prima a práctica do deporte independentemente do sexo das e dos participantes, pois agardamos que o evento fomente a práctica de deportes mixtos, eclipsados polos deportes sexistas”, apuntan os organizadores, que tamén agardan coa celebración desta segunda edición do torneo, unha nova oportunidade para darse a coñecer á comunidade universitaria.

Todos os partidos se disputarán seguindo os regulamentos de cada unha das federacións nacionais ou internacionais correspondentes.