DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebra a súa décima edición do 10 ao 12 de xuño

72 horas conectados ao ordenador e ao deporte na Scul Party 2011

Máis dun cento de persoas daranse cita cos seus equipos no Pavillón de Deportes do campus

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 09/06/2011
Un pavillón acondicionado para acoller a 150 persoas cos seus ordenadores. Acceso a Internet e a un servidor para compartir arquivos entre os participantes. Duchas e vestiarios. E 72 horas por diante nas que as novas tecnoloxías e a diversión serán as grandes protagonistas e o deporte o complemento perfecto. Así se presenta a Scul Party 2011, a festa informática anual do campus que este ano reunirá a máis dun cento de afeccionados do 10 ao 12 de xuño no Pavillón de Deportes universitario. “Vai a ser a súa décima e mellor edición", salientan os seus organizadores, a Delegación de Alumnos da Escola Superior de Enxeñaría Informática.

María Lameiras, vicerreitora do campus, destacaba na presentación da festa que “desexamos que durante os tres días de celebración a Scul Party 2011 se converta unha vez máis nun referente no seu eido”. A vicerreitora quixo felicitar aos seus organizadores polo traballo realizado para preparar esta gran festa dos amantes da informática. Unha felicitación que extendeu á propia Escola Superior de Enxeñaría Informática por ser un centro moi dinámico e referente estatal polos estudos e proxectos.

Pola súa banda, Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, recalcou durante a súa intervención que esta cita “é un orgullo para todos nós”. Barreiro lembrou que a Scul Party cumpre nesta edición 10 anos, unha década, e quixo felicitar á delegación de alumnos do centro “por ser capaz de pasar o testemuño da súa organización de xeración en xeración”.

Da Wii ao lanzamento de CD

“Será unha reunión de xente con intereses comúns que compartirán 72 horas de afeccións”, salientou Silvia Carrera, representante da entidade organizadora. Ás 10.00 horas do venres o Pavillón de Deportes abrirá as súas portas para que os inscritos comecen a instalar os seus equipos para afrontar a fin de semana que teñen por diante. A partir de entón, moita actividade, tanto na vida on line coma na off line. Haberá torneos de Wii, do xogo League of Legends ou, por citar algúns exemplos, de Overclocking, que consiste en aumentar a velocidade do microprocesador ao límite pero sen danalo. Tamén haberá concursos como o de dobraxe, o de lanzamento de CD, o da mellor fotografía da Scul Party ou de deportes como o Ping-Pong.

“Vai a ser a mellor Scul Party e un motivo de orgullo para a Universidade de Vigo e a cidade de Ourense”, destacou Carrera. Por este motivo quixo agradecer a colaboración na súa organización da Vicerreitoría do Campus, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo, da residencia universitaria e das empresas da cidade que colaboran na iniciativa, especialmente das empresas de antigos alumnos do centro.

Os interesados en participar aínda están a tempo, pois ademais das 100 persoas xa inscritas o día de apertura estarán dispoñibles 50 entradas a un prezo de 10 euros.