DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de inscrición para ter esta consideración o próximo curso ábrese o 1 de setembro

74 deportistas de elite fórmanse nas aulas da UVigo

A institución conta dende 2021 cun estatuto que recolle medidas específicas para este colectivo

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI 13/07/2023

Hai dous anos a Universidade Vigo aprobaba o seu propio Estatuto do Estudantado Deportista co obxectivo de “promover e apoiar o deporte universitario fixando medidas que favorezan a conciliación da vida universitaria e deportiva e que fomenten o recoñecemento académico das prácticas físico-deportivas pola súa achega á consolidación dos valores propios e das boas prácticas na UVigo”. Este estatuto, explican dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte, “pon a Universidade de Vigo na órbita de outras universidades estatais como a de Málaga, que abriron con anterioridade un debate interno” coa vista posta en mellorar a calidade nos servizos prestados á comunidade universitaria”. 

Unha vez aprobado o estatuto, no curso 2021-2022 inscribíronse no rexistro de deportistas de elite 38 persoas (27 mulleres e 11 homes) repartidas en 16 modalidades deportivas, que ían dende o windsurf ata o caiac polo, pasando polo tenis, taekwondo ou o atletismo. A maiores, tamén se deron de alta dez deportistas de nivel intermedio (sete mulleres e tres homes) de cinco modalidades deportivas. 

Neste curso que agora remata as cifras incrementáronse considerablemente, ao inscribirse no rexistro 74 deportistas de elite (34 mulleres e 40 homes) repartidos en 23 modalidades deportivas diferentes, incluíndo ximnasia-trampolín, halterofilia, piragüismo, ciclismo, patinaxe artística ou fútbol, como é o caso do xogador do RC Celta de Vigo, Kevin Vázquez, que cursa o Grao en Química. A estes súmanse outros 29 deportistas de nivel intermedio (23 mulleres e 6 homes). De cara ao próximo curso o prazo de inscrición no rexistro de deportistas de elite abrirase o vindeiro 1 de setembro.

Vantaxes para deportistas de elite

O Estatuto do Estudantado Deportista comprende unha serie de medidas para o alumando que sexa deportista de elite, todas elas encamiñadas a “combinar os somos deportivos cunha educación universitaria de calidade. Para isto, por exemplo, poden escoller o horario, quenda ou grupo que máis se axuste ás súas necesidades, e tamén teñen flexibilidade no calendario de exames para compatibilizar os estudos coas competicións, adestramentos, concentracións e demais actividades. Tamén poden xustificar as faltas de asistencia ás clases por participar en competicións oficiais, concentracións e adestramentos da selección española e poden obter un recoñecemento de ata 6 créditos ECTS pola súa actividade deportiva, acceder de balde ás instalacións deportivas e participar en programas específicos de atención e axudas para facilitar a conciliación. Finalmente, tamén se contempla unha reserva non inferior ao 5 % en prazas das residencias universitarias. 

Ademais, o documento tamén comprende medidas específicas de apoio para deportistas de base e de nivel intermedio que favorezan a súa participación en representación da Universidade de Vigo. 

Kevin Vázquez, exemplo de compaxinar estudos e deporte profesional

Unha das caras máis coñecidas do deporte de elite que estuda na Universidade de Vigo é Kevin Vázquez, xogador do RC Celta. Alumno do Grao de Química, Kevin compatibiliza o deporte profesional co estudos universitarios e co curso de adestrador. Nun vídeo elaborado pola Área de Benestar, Saúde e Deporte para dar a coñecer o Estatuto do Estudantado Deportista, explica que a súa é unha titulación que require de moitas prácticas e de moita asistencia, polo que valora moi positivamente as medidas postas en marcha pola UVigo para compaxinar os estudos co deporte, no seu caso, co deporte profesional en Primeira División. Aínda que, como explica, os exames finais do curso coinciden coas súas vacacións ao rematar a temporada, ao longo do curso precisa cambiar horarios ou datas de prácticas ou de titorías e, para isto é imprescindible, a axuda que presta o profesorado. Para Vázquez, o “principal sacrificio” de compaxinar os adestramentos, os partidos, as concentracións, os estudos, os exames e a vida persoal e familiar é “o tempo; o tempo é un valor que se nos escapa e ao que moitas veces non lle damos tanto valor”. 

40 deportistas de elite no campus de Pontevedra

Dos 74 deportistas de elite que hai actualmente nas aulas da UVigo, máis da metade cursan os seus estudos no campus de Pontevedra, 43 en concreto, mentres que en Vigo son 30 e en Ourense 1. Unha das que se forma en Pontevedra é Marta Domínguez, alumna da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte que apostou por inscribirse na listaxe de deportistas de elite como xogadora de squash. Destaca que “ser recoñecida pola Universidade é unha tranquilidade, poder cambiar clases ou exames é un privilexio, pero creo que é necesario para nós se queremos compaxinar deporte e estudos. Sen este tipo de axudas sería imposible”. Este apoio, de feito, permitiulle compaxinar a súa segunda tempada no circuíto profesional de squash, tras a que ocupa o posto 67 no ránking mundial PSA, co seu último curso no Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. De feito, Domínguez Fernández lograba nas últimas semanas presentar o seu traballo de fin de grao e completar os seus estudos a pesar das numerosas viaxes, que nos últimos meses levárona a competir en Estados Unidos, Paquistán ou Hong Kong e a converterse na primeira estudante da UVigo en lograr unha medalla no Campionato do Mundo Universitario de Squash. “Se sabes organizarte , dáche tempo a estudar, a adestrar, a viaxar e estar con familia e amigos”, conclúe non obstante Domínguez, que en setembro retornará á Universidade para cursar o máster de profesorado.

Outro dos máis de 40 estudantes de elite que se forman no campus de Pontevedra é o piragüista Noel Domínguez, que combina no seu día a día ás clases na Facultade de Dirección e Xestión Pública coas sesións de adestramento no Lérez e a súa preparación no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). “Todo o que sexa favorecer e incentivar o deporte, paréceme avanzar como sociedade”, salienta deste estatuto un estudante e deportista que acumula xa un bo número de medallas en campionatos de España e internacionais. De feito, a pasada tempada lograba xunto ao seu irmán Diego, alumno da Facultade de Comunicación, proclamarse subcampión de Europa e do mundo sub23 na distancia olímpica do C2 500 metros, éxitos aos que sumou unha prata no C2 5000 e un bronce no C2 1000 nese mesmo mundial. Non obstante, pese ás esixencias do deporte de alto nivel, Domínguez procura tamén “non saltarme ningunha clase, porque estudar paréceme moi importante para o meu futuro e estou moi motivado”. De aí que saliente o apoio que recibe tanto do profesorado como do seu adestrador, “porque saltarse un adestramento tampouco é unha opción”. Nese senso, este piragüista recoñece que para poder compaxinar ambas facetas é necesario poder “cambiar algún exame ou práctica cando coincide con algunha competición ou concentración”. Mais, fóra diso, subliña, o seu propósito é “facer unha vida de estudante normal”.   

Que é un deportista de elite?

Poden inscribirse no rexistro como deportistas de elite a partir do 1 de setembro todos os alumnos ou alumnas co recoñecemento oficial de deportista de alto nivel (DAN) ou deportista galego de alto nivel (DGAN; os que teñan consideración de deportistas de alto rendemento pertencentes a un centro de tecnificación deportiva (CTD); as persoas seleccionadas polo equipo nacional nos últimos dous anos, en calquera das súas categorías de idade; as e os participantes de maneira regular na máxima categoría estatal da súa modalidade deportiva ou en competicións profesionais recoñecidas como tal polo CSD, en categoría absoluta ou júnior e con licenza en vigor; as persoas adestradoras e técnicas, e xuíces e xuízas, que participen de maneira regular na máxima categoría estatal ou teñan a consideración de DGAN ou DAN; as e os deportistas Erasmus e doutros programas de mobilidade cun nivel deportivo equiparable; e os membros do Programa da Asociación de Deportes Olímpicos (ADO) ou do Programa de apoio ao deporte obxectivo paralímpico (ADOP).