DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Comité Ambiental do programa Green Campus aproba o seu plan de acción para este curso

74 medidas para un campus máis verde

Engloba accións en materia de consumo enerxético, residuos, biodiversidade e sensibilización

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 03/11/2021

Un total de 74 medidas en materia de optimización do consumo enerxético, sostibilidade, redución de residuos, mobilidade, biodiversidade, consumo responsable, sensibilización e ambientalización curricular integran o sétimo plan de acción do programa Green Campus, que en 2015 levou a Pontevedra a converterse no primeiro campus de España en obter a bandeira verde que outorga a Foundation for Environmental Education (FEE). As diferentes accións que integran este plan foron abordadas nunha reunión do Comité Ambiental do campus e neste figuran tanto actuacións xa previstas en plans anteriores e pendentes de completarse, como a creación dunha horta ecolóxica, como novas propostas, como a instalación de paneis fotovoltaicos na Escola de Enxeñaría Forestal.

Estruturado en nove obxectivos prioritarios, este plan combina tanto actuacións “tanxibles e concretas”, como outras “intanxibles e xerais”, todas elas dirixidas a incrementar “a conciencia e sostibilidade medioambiental”, como recolle este documento. Pendente da súa aprobación definitiva por parte do comité, neste plan intégranse, como sinala o director do Green Campus e Campus Crea, Carlos Souto, unha serie de “propostas moi interesantes” realizadas polas comisións ambientais das facultades e escolas e que foron debatidas nunha reunión na que participaron tamén representantes de diferentes servizos da Universidade e outros colectivos e entidades, como Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), que se incorpora neste curso ao comité. A xuntanza, que combinou a asistencia presencial e virtual, contou así mesmo coa participación de da ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor), responsable de xestionar este programa internacional en España, e serviu tamén para facer balance do grao de execución do anterior plan.

“Foi un curso complicado”, recoñeceu Souto, que lembrou que a pandemia limitou “a capacidade de reunión e de facer actividades conxuntas”. Pese a iso, “o balance é moi positivo”, xa que preto do 70% das medidas “realizáronse ou atópanse en marcha”, sinalou. Neste punto, o director do Green Campus puxo de relevo as accións realizadas en materia enerxética, como a posta en funcionamento da planta de distribución de enerxía xerada a partires de biomasa, á que se sumará a instalación, por parte da Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade, de placas fotovoltaicas na Escola de Enxeñaría Forestal, coas que xa contan as facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Ciencias Sociais e da Comunicación. “Estamos facendo un campus realmente sostible, con moita produción de enerxía limpa”, salientou Souto, que lembrou tamén que nos últimos meses instaláronse luces led en todos os farois do campus e habilitouse un punto de recarga de coches eléctricos. 

Unha horta escolar e un “muro verde”

Unha das áreas que Souto considera prioritario potenciar e a referida á participación, sensibilización e voluntariado ambiental, obxectivo no que se insiren medidas como a creación da horta ecolóxica, “xa aprobada e pendente dos permisos” pertinentes para a súa execución e que se formula como un “espazo multidisciplinar” para actividades educativas ou de investigación. Nesta área enmárcanse tamén propostas como xornadas de difusión de diferentes temáticas ambientais ou a construción, na EE Forestal, de “hoteis de insectos" en colaboración con Vaipolorío, e de novas caixas niño. Tamén se dará continuidade ás visitas a senda do arboreto, “unha actividade que funciona moi ben e pola que xa pasaron moitos estudantes”, sinala Souto. Neste mesmo eixo, proxéctase a realización de curtas centradas nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) por parte do alumnado de CCSS e da Comunicación.

Por outra banda, a biodiversidade, reforestación e adecuación de zonas verdes centra outro dos obxectivos do plan e nel insírense medidas como converter un dos laterais de Ciencias Sociais e da Comunicación nun “muro verde”, a plantación de especies aromáticas e medicinais proposta por Fisioterapia e actuacións para identificar e eliminar plantas invasoras. 


Consumo enerxético e redución de residuos

No referido á optimización do consumo de auga e enerxía, prevese continuar co traballo de avaliación dos consumos de electricidade e auga de cara a implantar novas medidas de aforro e eficiencia. Entre as novas propostas figura o acondicionamento dun punto de recarga de coches eléctricos en Ciencias da Educación e do Deporte. Así mesmo, en materia de redución da emisión de residuos e mellora da recollida selectiva proxéctanse iniciativas como unha “feira de re-circulación de téxtiles” en CCSS e da Comunicación e a instalación de colectores para pilas, baterías ou lámpadas. Tamén está previsto un taller sobre a redución de óxidos de nitróxeno por parte da Misión Biolóxica, e continuar co labor de compostaxe dos residuos xerados nos comedores, no marco do Plan Revitaliza da Deputación. Así mesmo, nos próximos meses levaranse a cabo as edicións 16 e 17 da semanas de recollida de aparellos eléctricos e electrónicos, unha das accións inseridas no apartado dirixido ao correcto tratamento e xestión deste tipo de residuos.

Outro dos eixos do plan céntrase na compra verde e o consumo responsable e nel insírense accións como a promoción dun menú saudable con produtos locais no comedor, modificar o tipo de alimentos que se distribúen nas máquinas expendedoras e o fomento do grupo de consumo do campus. No referido á política de sostibilidade, contémplanse medidas como unha xornada sobre esta temática e outra sobre o deseño e uso de cociñas e fornos solares, mentres que en materia de mobilidade e accesibilidade, prevese continuar coa implantación de medidas correctoras seguindo o plan de accesibilidade do campus e co fomento dos desprazamentos a pé e en bicicleta.

O plan complétase co apartado de ambientalización curricular, no que se recollen diferentes medidas dirixidas á inclusión da educación ambiental nas guías docentes das diferentes titulacións. Neste punto, Souto recalca que xa o pasado curso “defendéronse bastantes TFG e TFM relacionados con esta temática”, á vez que pon de relevo “o interesante de que todas as facultades estean intentando achegar os ODS aos seus currículos e actividades”.