DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As solicitudes aos premios de excelencia académica poden presentarse ata o 29 de setembro 

75 galardóns para o estudantado máis excelente que inicia estudos de grao e mestrado na UVigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI 27/09/2023

45.000 euros destina a UVigo á convocatoria de premios de excelencia académica para alumnado que inicia este curso 2023-2024 estudos de grao e mestrado na institución viguesa. 60 son os premios que a UVigo convoca para o estudantado que inicia estudos de grao, mentres que no caso do alumnado que este curso comeza estudos de mestrado, o número de galardóns é de 15. O prazo de presentación de solicitudes para optar a un destes galardóns rematará este venres 29 de setembro.

Premios á excelencia para alumnado que inicia estudos de grao

Obter premio extraordinario de Bacharelato ou Ciclo Superior no curso 2022-2023; estar clasificado ou clasificada do 1º ao 3º posto da fase autonómica, ou do 1º ao 8º posto das fases nacional ou internacional dalgunha das olimpíadas científicas celebradas o curso pasado; obter unha puntuación igual ou superior a 8,5 puntos no expediente académico do Bacharelato ou unha puntuación igual ou superior a 9 puntos no expediente o Ciclo Superior de FP, son os requisitos académicos que debe cumprir o alumnado que concorra aos premios de excelencia para inicio de estudos de grao este curso na UVigo.

Cada unha das e dos galardoados recibirá 600 euros de premio, dos que 13 se outorgarán ao estudantado con premio extraordinario de Bacharelato ou Ciclo Superior; 12 ás e aos clasificados e postos relevantes das olimpíadas científicas; 25 ao estudantado con excelente resultado académico no Bacharelato e 10 premios para o alumnado con excelente resultado no Ciclo Superior.

Premios á excelencia para alumnado que inicia estudos de mestrado

Estar matriculado este curso por vez primeira en estudos de mestrado en centros da UVigo e obter unha nota media ponderada igual ou superior a 1,00 nos estudos que lle dan acceso ao master, segundo o establecido nas bases da convocatoria, son as condicións que deben cumprir as persoas que aspiren a un dos premios á excelencia de inicio de estudos de mestrado.

Dos 15 premios convocados, sete corresponden á rama de Ciencias Sociais e Xurídicas; catro á de Enxeñaría e Arquitectura e dous, tanto para a rama de Artes e Humanidades e Ciencias e Ciencias da Saúde. Como no caso das e dos premiados que inician estudos de grao, os galardoados que inician estudos de mestrado recibirán 600 euros.