DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A entrega de dorsais será a partir das 09.30, aínda que a saída será a as 11.30 horas

750 persoas toman a saída o domingo nos 10 Km Cidade Universitaria

O equipo feminino de Campo a través disputará en Asturias o Campionato de España

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 25/03/2011
750 persoas tomarán este domingo a saída na carreira 10 km Cidade Universitaria, incluída no Circuíto de Carreiras Populares de Vigo e no Circuíto Universitario da Carreira en Ruta das Universidades de Galicia. Hassan Lekhili, atleta de orixe marroquí que xa acadou a vitoria na pasada edición, e o corredor lituano Robertas Geralavicius, medalla de prata tamén en 2010 apuntan como principais favoritos ao podio, mentres que en categoría feminina, María Jesús Gestido, terceira clasificada na edición anterior, atópase entre as favoritas, se ben terá que medirse á ampla representación de atletas do norte de Portugal.

A entrega de dorsais será a partir das 09.30 horas, aínda que a saída da carreira non será ata as 11.30 horas e estímase que a entrega de premios comece sobre as 13 h. Para controlar en todo momento como vai a carreira, os atletas levarán un chip nas súas camisolas que permitirá unha cronometraxe exhaustiva, a actualización permanente das clasificacións e a información continua aos participantes a través da web.

No tocante ao circuíto presenta lixeiras modificacións con respecto a edicións anteriores. Transcorrerá polos vieiros interiores do campus e o acceso á Cidade Deportiva do Círculo Mercantil, pero cambiou a liña de saída, a liña d emeta e este ano consta dun tramo de saída, unha volta a un circuíto grande e dúas a un pequeno.

Nun intento porque ninguén volva a casa coas mans valeiras, todos os atletas que tomen a saída recibirán como agasallo unha camiseta técnica conmemorativa. Os tres primeiros clasificados na categoría xeral, feminina e masculina, levarán premios en metálico de 400, 300 e 200 euros, aínda que tamén haberá agasallo para os corredores que rematen nas posicións 100, 200, 300, 400, 500, 600 e 700: un lote de produtos cedidos por Anfaco, un dos patrocinadores.

Campo a través en Asturias

O circuíto de La Morgal, na localidade asturiana de Llaneda, acolle tamén este domingo unha nova edición do Campionato de España de Campo a través. A esta cita a Universidade de Vigo acode cun equipo feminino ao completo, o formado por Solange Andreia Pereira, Sandra Mosquera, Iria Fernández e Andrea García, e un representante en categoría masculina, Jorge Rodríguez, todos eles atletas de alto nivel que viaxan ata Asturias coa expectativa clara de subirse ao podio.

O certo é que os precedentes son moi bos. Na pasada edición a institución viguesa rematou cuarta en categoría feminina cun equipo similar ao que competirá este ano e no que vai de ano Solange Pereira e Sandra Mosquera remataron en segundo e cuarto posto, respectivamente, no Campionato de España celebrado o pasado 27 de febreiro en Haro, La Rioja, no que tamén participou Andrea García. Ela será a principal novidade do equipo vigués xa que ata o curso pasado estudaba na Universidade da Coruña.

Iria Fernández, que exercerá de capitá nesta expedición, recoñece que as “opcións de acabar entre os primeiros en equipos son claras, a nivel individual... é máis complicado”, sobre todo tendo en conta que na carreira tomarán a saída 298 participantes e, “aínda non sabemos contra quen imos competir”, afirmaba Sandra Mosquera. No que se refire ao circuíto a proba disputarase nun terreo “bastante rápido, que pode favorecer ás miñas compañeiras”, sinalaba a atleta ourensá, que recoñece non chegar á proba no seu mellor momento. Pola súa banda, Mosquera móstrase confiada nas súas opcións e das de Solange pese a non coñecer o circuíto, do que a única referencia que ten é que “é moi chairo”.