DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor entregou este martes as doazóns recollidas en varias actividades organizadas desde o campus

772 euros de solidariedade para o Banco de Alimentos e Cruz Vermella

O diñeiro permitirá ás entidades sufragar gastos de primeira necesidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 08/07/2014

As doazóns máis comúns que reciben as entidades que traballan cos colectivos máis prexudicados pola crise son alimentos. Porén, estas organizacións teñen moitas outras necesidades, tanto materiais, como por exemplo produtos de hixiene e limpeza, como monetarias, para facer fronte, entre outras cuestións, a gastos de transporte para repartir os produtos ou para pagar facturas de persoas que non as poden asumir. Para axudar nesta tarefa, a Universidade vén de facer entrega a Cruz Vermella e ao Banco de Alimentos dunha doazón de case 800 euros recadados en diferentes actividades organizadas desde o campus de Ourense.

Recadacións dunha carreira e dunha sesión de exercicio

Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, foi a persoa encargada de entregar a Bienvenido Conde, do Banco de Alimentos, e a Carmen González, de Cruz Vermella Ourense, cadanseu cheque cun importe de 472 e 300 euros respectivamente, nun acto que contou tamén coa presenza de Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e de Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus. “Esta doazón é unha pequena axuda que amosa a nosa vontade de seguir colaborando con estas entidades e de seguir fomentando a solidariedade na Universidade a través de diferentes iniciativas”, apuntou Salustiano Mato.

En concreto, o diñeiro recadado procede de dúas actividades solidarias organizadas polo Servizo de Deportes do campus. A primeira delas foi a II Carreira de Orientación Urbana-Solidaria, organizada o pasado 8 de xuño na que os participantes doaron case 1000 quilos de produtos de alimentación e hixiene e na que diferentes empresas provedoras do campus achegaron 600 euros. A segunda acción foi a organización dunha sesión de exercicio chamana Aqa Fit, celebrada nas instalacións universitaria no mes de xuño e na que os inscritos pagaron dous euros por participar.

Alén de fondos de alimentos, moitas facturas que pagar

“Os resultados destas actividades é un sinal máis de como a comunidade universitaria responde á chamada á solidariedade. Pola nosa parte, estamos moi satisfeitos e agradecidos coa colaboración que ao longo do curso temos co campus de Ourense”, destacou Bienvenido Conde. Segundo explicou o responsable do Banco de Alimentos en Ourense, que atende a unhas 16.500 persoas na provincia, “para nós é moi importante este tipo de achegas económicas porque hai que ser conscientes de que non só se trata de recibir doazóns de alimentos. Para distribuír e transportar eses produtos fan falta vehículos e eses vehículos teñen gastos de gasolina, de taller e de moito máis, só por citar un exemplo”.

Do mesmo xeito, engadiu Carmen González, “este diñeiro para nós é moi importante porque nos permite pagar medicamentos, gafas, roupa, comida para bebés ou facturas de alugueiros, de luz e de auga de persoas que están nunha situación difícil”. O diñeiro, comentou, destinarase a cubrir primeiras necesidades que están fóra do tema alimentario pero que igualmente son urxentes para as persoas afectadas. Polo compromiso que ao longo do ano ten o campus de Ourense e a súa comunidade universitaria de recadar material e diñeiro para causas solidarias, os representantes de Cruz Vermella e Banco de Alimentos quixeron agradecer a implicación solidaria da Universidade, facendo fincapé no traballo realizado polo Servizo de Deportes do campus e pola Oficina de Voluntariado. “Afortunadamente cada día medra máis o voluntariado e a solidariedade dos membros da comunidade universitaria", indicou por último Salustiano Mato.