DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Premios nas modalidades de fotografía, pintura, creación audiovisual e maquetas de música

7800 euros para fomentar a creatividade e a arte universitaria

O prazo para presentar os traballos estará aberto ata o 22 de xuño

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
DUVI 26/03/2018

Porque non todo o talento se vai dedicar ao estudo, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria continúa apostando por facer agromar a creatividade e a capacidade artística da comunidade universitaria. Para isto, abre un ano máis a convocatoria dos concursos de creación que comprenden as modalidades de fotografía, pintura, audiovisual e música. Os premios están abertos a toda a comunidade universitaria e o prazo de presentación de traballo permanecerá aberto ata o vindeiro 22 de xuño. En total, entre as catro modalidades repartiranse 7800 euros en premios.

No procura de mellor fotografía e da mellor serie

O certame de fotografía cumpre nesta ocasión a súa décimo quinta edición. Para participar poderanse presentar tanto imaxes únicas como serie de tres, catro ou cinco fotografías, tanto en cor como en branco e negro e de tema libre. O tamaño debe ser maior a 20 cm en calquera das súas dimensión e estar montadas sobre cartón-pluma ou soportes similares. A mellor instantánea na modalidade de fotografía única recibirá un premio de 400 euros e un segundo premio de 200 euros. Na modalidade de serie, outorgarase un premio de 600 euros e un segundo premio de 300 euros.

Dezaseis anos de premio de pintura

O premio de pintura, na súa décimo sexta edición, busca a mellor proposta da comunidade universitaria nunha obra única. Poderán participar, como nas outras modalidades, estudantes, PAS e PDI, e cada participante poderá presentar unha única obra orixinal  que non fose galardoada anteriormente. A técnica a empregar será libre e o tamaño non excederá os 200 cm na maior das súas dimensións. Neste caso outorgarase un único premio de 1500 euros para a obra mellor valorada.

Creación audiovisual, con catro modalidades

O premios de creación audiovisual comprende catro modalidades: curta narrativa, documental, vídeo experimental e animación. Poderase presentar calquera traballo amateur e orixinal non premiado con anterioridade e o tema será libre. A duración dos traballos non excederá os 15 minutos, excepto na modalidade documental, na que as obras deberán ser de, como mínimo, dez minutos de duración. Cada participante ou grupo poderá presentar un máximo de dúas obras por cada unha das modalidades. En cada modalidade outorgarase un primeiro premio de 600 euros e un segundo de 300 euros.

A música dos campus

A cuarta modalidade dos concursos é a de música, na que poderán concorrer tanto solistas da comunidade universitaria como grupos que teñan entre os seus compoñentes polo menos dous membros que formen parte deste colectivo, ou ben tres cando a banda este composta por cinco ou máis compoñentes. Non poderán concorrer a esta convocatoria aquelas propostas que xa conten con algún traballo discográficos editado, agás que sexa autoeditado e non conten con respaldo discográfico. Os temas tampouco poderán ter sido premiados anteriormente. Nesta modalidade establécese un premio de 800 euros e outro de 400 euros.