DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto a toda a cidadanía, o ciclo terá lugar no Edificio Miralles do 22 ao 30 de abril

A 7ª edición de Universium analizará a estreita relación entre enerxía e medio ambiente

Entre os relatores hai nomes tan coñecidos como Ana Palacio ou Juan López de Uralde

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 19/04/2010

Fiel á súa máxima de divulgar o pensamento contemporáneo en relación con temas claves da actualidade, esta semana volverá ao campus o ciclo Universium que acada xa a súa sétima edición. Baixo o título, Enerxía, Medio Ambiente e Sociedade, serán cinco días nos que a comunidade universitaria e calquera outra persoa interesada en reflexionar sobre este tema poderá facelo da man dun elenco interdisciplinar de participantes que proveñen da empresa, da administración pública, das universidades e de organizacións non gobernamentais.
A cita será do 22 ao 30 de abril na sala 1 do Edificio Miralles. “Nesta ocasión estamos mesturando enerxía e medio ambiente e cando pensamos en medio ambiente falamos tamén de cambio climático, que é un dos problemas principais que temos hoxe”, explica o profesor Xavier Labandeira, coordinador do ciclo, xunto ao vicerreitor de Planificación, José Cidrás, catedrático de enxeñaría eléctrica. Para ambos, os dous temas son inseparables, “é como unha moeda, por un lado temos a enerxía e, por outro, o cambio climático e non se pode falar dunha cousa sen a outra”, recalca Labandeira.
O obxectivo do ciclo é dar unha visión da enerxía como algo moi importante para a sociedade en xeral e, en particular, para a economía, no senso de que a enerxía é habitualmente orixe de desafíos e de oportunidades e está claramente vinculada non só a problemas ambientais, senón a problemas doutro tipo, dende a escaseza de recursos ata a súa vulnerabilidade, “en referencia a que estes recursos tamén están distribuídos dunha forma peculiar no planeta e isto supón moitos problemas estratéxicos e tamén políticos. Estes problemas de carácter xeoestratéxico explican o noso interese neste tema”, explica Labandeira.

Paulina Beato e Ana Palacio abrirán o ciclo

Co intercambio de ideas e, sobre todo, a transmisión de coñecemento á sociedade como principal meta, os coordinadores do ciclo destacan que se conseguiu “un elenco de xente de primeirísimo nivel”, ao que Labandeira engade que se ““trata de dar perspectivas distintas que nos van permitir debater e coñecer máis porque este é un mundo tan complexo que non é posible aproximarse a el dende unha única visión”.
A conselleira de Repsol YPF, Paulina Beato, será a encargada de inaugurar o ciclo o vindeiro xoves cun relatorio sobre as políticas europeas de cambio climático tras os acordos de Copenhague. Beato é, a xuízo dos organizadores, unha persoa que xogou un papel moi relevante no sector enerxético español, xa que entre outros cargos de relevancia, foi presidenta da rede eléctrica española, “ademais dunha das primeiras doutoras en Economía do país por dúas universidades, a Complutense de Madrid e a de Minnessota en Estados Unidos”.
Tomaralle o relevo o venres, outra muller de renome, Ana Palacio, exministra de Asuntos Exteriores, ex vicepresidenta primeira e xefa do Servizo Xurídico do Banco Mundial. Presentada polo reitor, Alberto Gago, Palacio tentará debuxar aos asistentes o novo clima que está a xurdir na política enerxética. “É unha persoa que ten moitísima experiencia no eido internacional e pode dar unha visión moi interesante de como ve ela o mundo enerxético”, explicou o profesor Labandeira, quen tamén lembrou que a ex-ministra formou parte de Areva, un conglomerado nuclear francés de primeira importancia mundial.

López de Uralde afondará no papel das renovables

O director de Greenpeace en España, Juan López de Uralde, retomará o ciclo o seguinte mércores día 28. Detido, xunto a outros tres activistas de Greenpeace, por colarse nunha cea de gala ofrecida pola raíña Margarita aos líderes políticos que participaron no Cumio do Clima e tentar despregar unha pancarta de protesta pola súa falta de compromiso, Uralde pasou o pasado Nadal nunha cárcere danesa. Tras este episodio que fixo o coñecido a nivel internacional, na súa visita a Vigo falará do importante papel que deben xogar as enerxías renovables, “onde a súa organización ten unha postura moi ambiciosa”, salienta o coordinador do ciclo.
Mariano Marzo, catedrático de Xeoloxía na Universidade de Barcelona, será o protagonista da xornada do xoves. “É o maior experto que hai nestes intres en España sobre o petróleo, un aspecto moi interesante a tratar nunhas xornadas coma estas porque nel se xuntan tres cousas importantes: emisión de gases de efecto invernadoiro, escaseza e infraestruturas dispoñible para extraer o que temos”, explica o profesor Labandeira.
Universium chegará ao seu fin o martes 30 coa participación de Domingo Jiménez Beltrán, primeiro director da Axencia Ambiental Europea, asesor do presidente José Luis Rodríguez Zapatero e “un dos grandes expertos a nivel medioambiental en España”. Presentado por Alberto Gago, na súa intervención abordará a sostenibilidade e cambio climático como escenarios de futuro.

Aberto a toda a cidadanía

Organizado pola Universidade en colaboración co Parlamento de Galicia, o ciclo está aberto non só a audiencia universitaria, senón tamén a xente de empresa, membros de organizacións sociais... Trátase, en definitiva, “dunha boa escusa para reflexionar dun xeito sosegado e acceder á reflexión doutras persoas, colectivos ou entidades”, tal como sinala na presentación a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza Pereiro.
Con 80 prazas dispoñibles que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición, os estudantes poderán validar este ciclo de conferencias por un crédito de libre elección ou 20 horas cmputables para ECTS.