DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Derrotou ao Marcón por 7-6 na décimo sexta xornada da Liga Galega Sur

O 7A9CAFyD retorna á senda da vitoria nun partido de ida e volta

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI 20/01/2014


A intensidade e a igualdade foron as notas predominantes do enfrontamento entre o 7a9CAFyD (Club Deportivo Ciencias da Actividade Física e do Deporte) e o Marcón, correspondente á xornada número 16 da Liga Galega Sur de fútbol sala. Un partido que o equipo universitario rematou gañando por 7-6 nun segundo tempo de ida e volta, no que os ataques se impuxeron ás defensas. Neste período foi precisamente cando o CAFyD recuperou a súa mellor versión despois de encadear dúas derrotas de xeito consecutivo e anotou 6 dos seus 7 tantos.

De feito, a contenda non comezou ben para o equipo universitario, que viu como no minuto 6 o Marcón cobraba a súa primeira vantaxe cun disparo desde a frontal da área. Pouco despois, o debutante Marcos igualaba o encontro, pero segundos antes de que se chegase ao descanso, un erro na zaga do conxunto local volvía situar por diante ao equipo visitante.

Recital ofensivo tralo descanso

O partido cambiou radicalmente no segundo período, no que ambos conxuntos se lanzaron ao ataque e deron pé a unha sucesión de goles e ocasións que mantiveron o interese e a incerteza ata os segundos finais. Neste segundo tempo, o CAFyD elevou a tres cuartos de pista a súa liña de presión, o que causou máis dun problema aos xogadores visitantes. Grazas a esta presión, no minuto 24 chegou o disparo cruzado de Guille que devolvía a igualdade ao marcador e, segundos despois, a primeira vantaxe do equipo local, que chegou das botas de Millán.

Mais o Marcón non baixou os brazos en ningún momento e tardou ben pouco en volver empatar o partido. A reacción do CAFyD foi inmediata, un gol de vaselina de Isaac, á súa vez respondido por un novo tanto dos visitantes. Tras uns minutos frenéticos nos que os ataques se sucedían sen pausa, o equipo local foi capaz de facerse co control partido e situarse con dous tantos de vantaxe a falta de catro minutos grazas aos goles de Abel e José Ramón.

Semellaba entón que CAFyD dispuña de renda suficiente para afrontar con tranquilidade os instantes finais, pero un gol de Berto en propia meta devolveu as esperanzas aos xogadores do Marcón. Foi entón cando chegou a xogada decisiva, un disparo cruzado de Isaac a falta de dous minutos, que situaba o marcador en 7-5 e obrigaba ao Marcón a lanzarse ao ataque á desesperada. Así o fixo, sacando á pista a un porteiro xogador co que logrou reducir distancias a falta de 23 segundos, mais sen tempo xa para a sorpresa.