DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O diñeiro destinarase á reconstrución de catro escolas

8000 horas de estudo que se converten en 8000 euros para Haití

A Olimpíada Solidaria do Estudo reuniu este ano 574 participantes no campus

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 14/12/2010
Se facer horas na biblioteca sempre é proveitoso para os estudantes porque melloran a súa formación, coa Olimpíada Solidaria do Estudo aínda o é máis. As 7795 horas que dedicaron alumnos do campus a estudar en tres das súas aulas durante un mes transfórmanse agora en 7795 euros para reconstruír escolas en Haití. Ademais de formación, co seu esforzo e dedicación os 574 participantes na iniciativa contribuíron a unha causa solidaria.

Rosa Guerra, responsable da Oficina de Voluntariado, explica que “a Olimpíada Solidaria de Estudo é unha cita internacional, organizada por Coopera ONG, á que se vén unindo nos últimos anos o campus de Ourense con moito éxito”. Durante un mes, nesta ocasión do 5 de novembro ao 5 de decembro, os alumnos estiveron convidados a participar nun troco moi interesante: cada hora de estudo que facían na Biblioteca Central e nas aulas de estudo do Edificio de Ferro e do Politécnico transformábase nun euro para reconstruír catro escolas en Haití.

Durante ese mes, ao rematar as súas horas na biblioteca e aulas de estudo, 574 participantes depositaron nunha furna e en moedas simbólicas o equivalente en euros ás horas que realizaran. O reconto xa está feito e o campus conseguiu recadar nada menos que 7795 euros, que agora diferentes entidades que colaboran coa iniciativa transformarán en diñeiro real.

Fomentando o hábito solidario

Rosa Guerra salienta a importancia de iniciativas coma esta e a boa resposta da comunidade universitaria. “Os estudantes fixeron un grande esforzo e desde a Oficina de Voluntariado queremos recoñecelo e agradecelo. Para nós foi unha satisfacción participar, porque ademais de fomentar o estudo e axudar a Haití estamos creando algo máis importante a longo prazo, o hábito de participar en causas solidarias”, destaca.

Como novidade, este ano o campus de Vigo tamén se uniu á iniciativa a través da súa Biblioteca Central e da Biblioteca Torrecedeira. 851 participantes que pasaron por estes dous centros acumularon un total de 7576 horas que se transforman agora noutros tantos euros para a mesma causa, contribuír á reconstrución educativa de Haití, que desde o terremoto que padeceu en xaneiro se atopa nunha delicada situación humanitaria.