DUVI

Diario da Universidade de Vigo

82 egresados das enxeñarías informáticas amosan que a súa é unha profesión de futuro

No acto de graduación estivo presente o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 30/04/2009

Poucos actos logran encher as salas do campus como o fan as graduacións. Unha celebración que supón o punto final dunha etapa na vida dos estudantes e marca o comezo da súa andaina profesional. Nesta ocasión foron os 82 alumnos de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática os que recibiron os diplomas, pins e bandas que os acreditan como egresados. O acto, que contou entre outros coa presenza de Jesús Vázquez, conselleiro de Educación, estivo marcado polo bo humor en todos os discursos e tamén, como non podía ser menos, pola chegada do Plan Boloña e o futuro da titulación. Nesta cuestión incidiu de xeito especial o director da Escola, Enrique Barreiro quen afirmou que “hai que desterrar absurdas especulacións sobre a desaparición da titulación, hoxe en día todo funciona grazas a informática”. Tamén se sumou a esta reflexión Jesús Vázquez que no seu primeiro acto na Universidade como conselleiro de Educación, comprometeuse “a seguir loitando polo que é xusto” e a facer “todo o que estea nas miñas mans para que se regulen as competencias desta profesión”.
O acto deu comezo coa entrega dos Premios Extraordinarios Fin de Carreira das dúas titulacións que foron a parar as mans de Víctor Constantino Lorenzo e José Doval González. Trala súa intervención en nome de todos os graduados foi a quenda dos padriños da promoción, José Ramón Méndez e Miguel Díaz que satisfeitos deron bos consellos aos que ata agora eran os seus alumnos. Xa rematando os egresados recibiron as súas bandas e diplomas. O peche final do acto púxoo o tradicional himno Gaudeamus Igitur interpretado polo coro universitario.

Parabéns e consellos

Nun ano tan difícil para os estudantes da ESEI como foi este, no que a incerteza sobre o seu futuro, as folgas e as protestas estiveron a orde do día, o acto de graduación serviu para coller forzas e amosar que as enxeñarías informáticas seguen estando aí e que contan co apoio dos profesores e, sobre todo, das súas familias do estudantado. O vicerreitor, Juan Francisco Gálvez, manifestou abertamente a súa satisfacción xa que a escola “é a miña casa e por iso non preciso de papeis senón que as palabras sáenme do corazón”. Animou ás e aos egresados a seguir loitando e a esforzarse para labrarse un bo futuro, “non teñades medo á competencia, estades máis que capacitados para exercer o voso traballo, pero tampouco vos durmades nos loureiros, tedes que seguir formándovos”.
Pola súa banda os padriños destinaron os seus consellos a “que non caiades nos mesmos erros ca nós”, dixo Méndez. Para Díaz o máis importante “é que vos arrisquedes e loitedes, perseguide os vosos soños, porque o máis duro é arrepentirse do que podíamos ter feito e non fixemos”; o seu último consello, comprensible só algúns, “navegade e multiplexádevos”
Por último o conselleiro, que manifestou a súa satisfacción por poder participar nunha xornada tan especial, destacou que “este non é un punto e final senón o inicio dun bonito camiño a pesar dos tempos difíciles”. Neste sentido, Vázquez indicou que “a mellor aposta para saír da crise é a inversión na educación”.