DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentáronse un total de 241 persoas, un 23% de fóra de Galicia

O 83% dos aspirantes superan as probas de acceso a Ciencias da Actividade Física e do Deporte

A demanda de prazas duplica a oferta polo que a nota do expediente académico determinará a admisión

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 22/06/2012

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte coñeceu este venres algúns dos “seus novos inquilinos” na celebración das probas de acceso ao Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, ás que se presentaron un total de 241 aspirantes, dos cales case un 83% foron considerados aptos. “Trátase dunha porcentaxe que se vén mantendo dende anos anteriores", valora Roberto Barcala, vicedecano do centro. A pesar do alto índice de aprobados, a nota media do expediente académico será a que finalmente determine a admisión final “pois hai unha lista de 200 rapaces e rapazas para 100 prazas, xusto o dobre de oferta”.
Dende o centro valoran moi positivamente o nivel de interese e de demanda que esperta a titulación, “sendo un dos anos que máis inscritos temos nas probas”, destacan. Dos 241 inscritos, un 23% procede de fóra de Galicia, sobre todo do Norte de España "e ata de Melilla e das illas Baleares", aclara Barcala, o que pon de manifesto "que a facultade é coñecida alén das nosas fronteiras e que goza de prestixio nacional", engade.

Unha titulación “por vocación”

Do total de persoas inscritas nas probas, case 50 eran mulleres, mantendo a representatividade de anos anteriores. Entre ese medio cento de posibles alumnas estaban Nerea Estévez, Sofía Fernández, Carmen Domínguez, María Estévez e Jennifer Domínguez, que a pesar dos nervios iniciais, foron consideradas aptas. Todas practican algún deporte, fútbol, natación, baile, ximnasia... “e queremos entrar nesta carreira porque é o que verdadeiramente nos gusta e representa a nosa felicidade”, destacan. Ademais dos alumnos e alumnas que acaban de rematar os seus estudos de bacharelato, é común que se presenten ás probas deportistas de alto rendemento interesados en ampliar a súa formación. É o caso de Jorge Barroso, xogador de fútbol sala do Autos Lobelle de Santiago, que a pesar de ser profesional confesa que si preparou a conciencia as probas pois “non quería levarme ningunha sorpresa”. A pesar de que xa cursou estudos superiores en Murcia quere completar a súa formación académica “porque son consciente de que o fútbol sala soamente me dará para vivir uns anos”.

Todos os aspirantes tiveron que realizar un total de sete probas que abarcaban o traballo das catro condicións físicas, forza, flexibilidade, velocidade e resistencia tanto no medio acuático como terrestre, esixindo un mínimo de habilidade motriz que garanta que o alumno é quen de enfrontar unha formación física durante os vindeiros catro anos. A avaliación comezou ás 08.30 horas na piscina do Centro de Tecnificación Deportiva para despois trasladarse á facultade e continuar coas probas de forza explosiva de membros inferiores e superiores; de axilidade con obstáculos; de mobilidade articular e ximnástica e de resistencia aeróbica.

Colaboración do alumnado

O profesor Barcala destaca ademais a forte implicación do profesorado do centro e do alumnado de último curso da titulación coa organización das probas. Tanto é así que por segundo ano consecutivo, a delegación de alumnado da facultade organizou nos días previos á celebración das probas unhas xornadas de adestramento para perfeccionar e ensaiar os exercicios do exame.