DUVI

Diario da Universidade de Vigo

350 persoas preséntanse ás probas de acceso, o 25% procedentes de fóra de Galicia

O 85% dos aspirantes pasan o 'cásting' de Ciencias da Actividade Física e do Deporte

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 27/06/2011

Todos teñen unha cousa en común, a paixón polo deporte, pero soamente poden quedar 100. Este luns celebráronse no campus pontevedrés as probas de acceso ao Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte cun total de 350 aspirantes, “o dobre que o ano pasado”, dos cales un 85% foron considerados aptos. “Trátase dun resultado na liña dos anos anteriores”, comentou o profesor Luis Casáis, coordinador do grao. A pesar do alto índice de aprobados, os nervios palpáronse no ambiente, pero tras realizar a primeira proba na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, as inquedanzas fóronse disipando.

“Este é o segundo ano que máis xente temos na historia das probas”, aclarou o profesor Roberto Barcala, coordinador das mesmas, “o que pon de manifesto que na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte estamos facendo ben as cousas”. Dos 350 aspirantes, o 25% procede de fóra de Galicia, maioritariamente do norte de España (Asturias, País Vasco e Navarra), “o que nos leva a pensar que gozamos dun certo prestixio a nivel nacional”. O coordinador tamén salientou o aumento do número de mulleres aspirantes, “chegando a ter arredor de 75”, concretou.

Probas de forza, flexibilidade, velocidade e resistencia

Todos os aspirantes tiveron que realizar un total de sete probas “que abarcaban o traballo das catro condicións físicas, forza, flexibilidade, velocidade e resistencia tanto no medio acuático como terrestre” e nas que se lles esixe “un mínimo de habilidade motriz para poder enfrontar unha formación física durante os vindeiros catro anos”, explicou Casáis. A avaliación comezou ás 08.30 horas na piscina do Centro de Tecnificación Deportiva para despois trasladarse á facultade e continuar cun exercicio de salto horizontal que medía a forza explosiva do tren inferior. Seguiulle unha proba de obstáculos para recoller o nivel de axilidade, unha de mobilidade articular para a flexibilidade, outra de habilidades ximnásticas e a de forza do tren superior co lanzamento do balón medicinal. A última proba, a de resistencia, baseouse na técnica do course navette, na que unha bucina vai marcando os ritmos do corredor.

O peor, o balón medicinal

“Estade tranquilos e facédeo o mellor posible”, aconselloulles Barcala aos 350 aspirantes ao inicio das probas. José Manuel Ferreira decidiu presentarse “porque uns amigos que entraron o ano pasado faláronme moi ben da titulación”, pero estaba un pouco inquedo polo gran número de aspirantes, xa que “o ano pasado comentáronme que eran arredor de 150”. O certo é que ao rematar a avaliación, Javier Carballo e Martín Bemposta recoñeceron que as probas non foran moi difíciles e que lles gustaría entrar a estudar o grao “porque dende que teño 17 anos é o que quero facer”, confesou Bemposta. Pola súa banda, Ángela Bugallo, acompañada de seu pai en todo momento, pasou as probas perfectamente “aínda que me custou un pouco a do balón medicinal”. Escolleu esta titulación para chegar a ser profesora de Educación Física “pero tamén me atrae moito o mundo da psicoloxía deportiva”.

Alto grao de implicación

O profesor Barcala quixo destacar este ano o alto grao de implicación e de colaboración tanto do alumnado como do profesorado do centro, “conseguindo un alto nivel organizativo, pois é bo para todos que tanta xente queira vir a formar parte desta facultade”. Superado este primeiro paso, a nota media acadada nas probas de Selectividade será a que marque a orde de entrada á titulación. “Unha vez conseguido a cualificación de apto, a nota do expediente académico será o criterio para cubrir as 100 prazas, pois non hai que esquecerse de que para entrar nesta titulación hai que ser bos deportistas, pero tamén bos estudantes”, concluíu Barcala.