DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina do río, prevista para este sábado, é unha das novidades do programa

90 estudantes coñecerán a Fervenza do Barbantiño da man das Rutas Culturais

Os participantes camiñarán 21 kilómetros pola beira do río e visitarán os muíños da zona

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 09/12/2009

Noventa persoas dos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense participarán este sábado nunha nova edición das Rutas Culturais. Nesta ocasión a cita é a Ruta do Río Barbantiño, unha das novidades do programa e que ten como principal atractivo a visita á Fervenza do Barbantiño. Os participantes sairán ás nove da mañá do campus e dirixiranse ata a Amoeiro, lugar de saída da andaina. A partires de aí percorrerán unha distancia de 21 kilómetros nunha ruta que prevé tamén a visita aos muíños do río Barbantiño e á casa-museo de Otero Pedraio en Cima de Vila (Trasalba).
José García Calvo, “Willy”, coordinador das Rutas Culturais, subliña como principais atractivos da andaina a visita á Fervenza do Barbantiño e aos muíños da beira do río. Nas súas palabras, “Galicia é un país de auga, ríos e muíños. Estas construcións son un dos principais atractivos da nosa comunidade e por iso pensamos que é moi bo que os universitarios e todas as persoas en xeral que participan nestas andainas coñezan cómo funcionan e a súa ubicación e utilidade”. A andaina prevé tamén a visita á casa-museo de Otero Pedrayo en Cima de Vila, na parroquia de Trasalba (Amoeiro).

Unha andaina de 21 kilómetros e de dificultade media

“Willy” cualifica de “media” a dificultade da andaina. Segundo explica, “esta ruta non presenta grandes altibaixos xa que o terreo é apto para camiñar e a distancia a percorrer non é moi grande”. Con todo, lembra que os participantes deben levar a súa propia comida (bocadillos, froita, froitos secos e bebidas) e tamén "unha mochila que conteña chuvasqueiro, paraugas e unha muda completa con calcetíns de reposto porque, aínda que as condicións climatolóxicas parece que van ser boas, en inverno nunca se sabe qué vai pasar”. Unha navalla e unha cantimplora ou similar son outros obxectos que lles poderían ser útiles aos camiñantes. Sen esquecer o calzado, “clave no sendeirismo” segundo asegura “Willy”. O coordinador das Rutas Culturais subliña que o calzado apropiado para camiñar son as botas de Gore-Tex “por ser este un material impermeable”. Usar calcetíns bos, “mellor de algodón”, e non levar dobre calcetín “porque produce ampollas” son outras recomendacións que os participantes deben ter moi en conta.

Coñecer de preto a riqueza monumental e paisaxística da provincia

As Rutas Culturais son unha iniciativa posta en marcha pola Universidade co obxectivo de que o estudantado teña a posibilidade de facer exercicio cun fin agradable. Como explica o seu coordinador, “non se trata só de andar por andar; o que queremos e que estas andainas axuden aos participantes a coñecer moi de preto a enorme riqueza monumental e paisaxística que temos na nosa provincia”. O programa de camiñatas para este curso académico comezou o día 24 de outubro coa Ruta das Termas e continuou o seu desenvolvemento en novembro coa Ruta dos Muiños do Río Lonia e a Ruta Currosiana.
As seguintes rutas xa serán no ano novo. Para o 16 de xaneiro está prevista a Ruta Santa Mariña de Augas Santas, unha andaina de 25 kilómetros e de dificultade media-alta que percorrerá Allariz, O Rexo, Turzas, Santa Mariña e Soutelo. E tamén en xaneiro, pero xa o día 30, desenvolverase a Ruta da Serra do Xurés, un percorrido de 22 kilómetros de dificultade alta por A Cela, Alvite, Salgueiros, Gandaracha, Alto do Pisco e Requiás. Esta andaina inclúe a visita ao Centro de Interpretación do Parque Baixa Limia Serra do Xurés, en Lobios.
E haberá máis andainas ao longo do curso académico, como a Ruta do Ribeiro, o 20 de febreiro; a Ruta dos Mosteiros (San Pedro de Rocas e Santo Estevo), o 13 de marzo; a Ruta da Vía da Prata, o 10 de abril; a Ruta do Mosteiro de Montederramo-San Mamede, o 24 de abril; a Ruta do Cañón do Sil, o 8 de maio e a Ruta da Vía da Prata (Camiño de Santiago) os días 15, 16 e 17 de maio.