DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundos os últimos datos sobre inserción laboral facilitados pola ACSUG á facultade pontevedresa

O 90% dos titulados en Fisioterapia traballan do que estudaron

O salario destes egresados é inferior que o de outras disciplinas das Ciencias da Saúde

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 25/05/2011

Poder traballar do que estudaches estase a converter nun privilexio, accesible para uns poucos. Agora ben, os futuros titulados da Facultade de Fisioterapia poden ser unha excepción segundo os últimos datos sobre inserción laboral proporcionados pola Axencia da Calidade do Sistema Universitario de Galicia, ACSUG, ao centro pontevedrés, nos que se reflicte que case un 90% dos seus egresados están traballando en relación co título acadado, salientando ademais que 96,4% volverían cursar os mesmos estudos e na mesma Universidade, cuestións que o decano da facultade, Manuel Gutiérrez, valora como “moi positivas”. A única traba, o salario, por debaixo da media das titulacións de Ciencias da Saúde.

Para Manuel Gutiérrez, que o 89,7% dos enquisados exerzan labores profesionais directamente relacionadas co estudado na facultade significa “que cumprimos as expectativas do mercado laboral, formando bos profesionais que están moi ben considerados nas empresas”. O informe recolle ademais que a maioría dos que procuran emprego, atopan algunha oportunidade laboral antes de tres meses, xa que “existe unha importante demanda de atención en fisioterapia”, engade Gutiérrez. Así mesmo, os enquisados, en xeral, consideran moi estable o seu emprego, soen traballar na área xeográfica que desexan, a tempo completo, por conta allea e cun tipo de contrato indefinido.

Salario digno, pero por debaixo da media

Segundo os datos facilitados, o nivel retributivo dos egresados en Fisioterapia en Pontevedra sitúase nos 1009 euros, “dato que consideramos o menos bo, posto que, aínda que é lixeiramente superior á media do título, 973 euros, está por debaixo da das titulacións de Ciencias da Saúde, situado en 1342 euros”. Unha das causas desa inferioridade salarial é que o resto dos profesionais deste ámbito, caso de doutores e enfermeiras, traballan na sanidade pública, “pero no noso caso a administración non oferta prazas suficientes, derivando a asistencia fisioterapéutica a centros concertados”. A maioría dos titulados están traballando no sector privado, “rexéndose por convenios colectivos que estipulan salarios moi baixos”.

Satisfacción coa titulación e coa Universidade

Por outra banda, o 96,4% volverían cursar os mesmos estudos e na mesma Universidade, “reflexo do esforzo por adaptar cada materia aos avances que se producen na fisioterapia e resultado dunha boa política de calidade deseñada polo propio centro”, apunta o decano. En relación co anterior, máis de tres cuartos dos enquisados tamén afirman que os coñecementos adquiridos durante a carreira foron de bastante ou moita utilidade.

Do mesmo xeito, unha inmensa maioría dos estudantes que cursan estudos de Fisioterapia faino “por vocación”. De feito, o estudo da ACSUG reflexa que un 76% dos enquisados escolleron como primeira opción a titulación de Fisioterapia en Pontevedra á hora de escoller estudos universitarios. Ademais, sete de cada dez rematan os seus estudos no tempo estipulado, “grazas a que contamos cun alumnado cunha gran capacidade de estudo e moi implicado coa súa formación”, conclúe Manuel Gutiérrez.