DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade lanza a convocatoria correspondente ao ano 2022

9000 euros para a organización de actividades docentes que promovan a perspectiva de xénero na UVigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 14/02/2022

Conferencias, xornadas ou calquera tipo de actividade (obradoiros, seminarios, ligas de debate, exposicións, ciclos de cine, concursos, etc.) que implique un impacto positivo no alumnado cara á promoción de valores igualitarios, pode optar ás axudas para a organización de actividades docentes que promovan a perspectiva de xénero que a UVigo fixo públicas a través dunha resolución reitoral. As actividades propostas deberán estar vinculadas á practica docente e contemplar contidos que axuden a incorporar a transversalidade de xénero na formación do alumnado e que impulsen a transmisión de valores igualitarios para a adquisición das súas competencias profesionais e o seu desenvolvemento persoal.

Calquera membro do persoal docente e investigador (PDI) con docencia asignada no Plan de Ordenación Docente (POD) poderá concorrer á convocatoria, que se pechará o 16 de febreiro, e que só admitirá unha solicitude por persoa. 9000 euros é o importe máximo co que a Unidade de Igualdade fará fronte aos gastos orixinados polas actividades docentes subvencionadas, concretamente os gastos correspondentes á posta en marcha e desenvolvementos dos programas, como gastos de viaxe de conferenciantes, pago de conferencias, traslado de obras artísticas, aboamento de dereitos de exhibición ou calquera outro necesario paras desenvolver o programa concreto. Os gastos non poderán contemplar en ningún caso retribucións de persoal vinculado estatutariamente ou contractualmente á UVigo, gastos protocolarios, nin gastos de publicidade. En ningún caso, ningunha solicitude poderá acadar unha axuda superior a 2000 euros.

Os programas para os que se soliciten a axuda terán o 14 de novembro como data límite de realización.