DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co prazo de inscrición no rexistro xa pechado, a cifra supera amplamente a do ano pasado

91 deportistas de elite fórmanse este curso na Universidade de Vigo

Son 45 mulleres e 46 homes repartidos en 23 modalidades deportivas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
M. Del Río DUVI 02/02/2024

Dende a aprobación en 2021 do Estatuto do Estudantado Deportista na Universidade de Vigo, o número de alumnado que ten recoñecida esta acreditación non fixo senón aumentar curso tras curso. E é que a aprobación deste documento “marcou un antes e un despois” na  institución xa que “regula a consideración do estudantado deportista e establece medidas que permiten conciliar a vida académica coa práctica deportiva”, como destacan dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte.

Tal e como se indica no seu artigo 1 o obxectivo é “fixar medidas que favorezan a conciliación da vida universitaria e deportiva, e que fomenten o recoñecemento académico das prácticas físico-deportivas pola súa achega á consolidación dos valores propios e das boas prácticas na Universidade de Vigo”. Deste xeito, o estatuto puxo á Universidade de Vigo na órbita de outras universidades estatais como a de Málaga, que abriron previamente un debate interno para mellorar a calidade nos servizos prestados á comunidade universitaria.

Tras pechar esta semana o prazo de inscrición no rexistro de deportistas de elite para este curso, a cifra de deportistas recoñecidos como tal que cursan os seus estudos nas aulas da UVigo actualmente é de 91. A paridade de xénero é case total, con 45 mulleres e 46 homes, que se reparten en 23 modalidades deportivas diferentes, que inclúen dende o automobilismo ata bádminton, squash, iudo ou remo. Ademais, a estes 91 hai que sumar outros 18 deportistas de nivel intermedio, dos cales 10 son mulleres e 8 homes. Por titulacións, Ciencias da Actividade Física e do Deporte concentra o maior número de deportistas de elite con 35, seguido de Fisioterapia con 16 e, a continuación, Educación Infantil e Educación Primaria, que suman entre as dúas 13 deportistas.

Respecto das demandas e necesidades destes estudantes, dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte explican que as accións de apoio máis demandadas adoitan ser o cambio de datas de exame ao coincidir con competicións ou concentración e os cambios de grupo de prácticas para poder conciliar a vida deportiva coa formación académica.

Evolución dos cursos anteriores

No primeiro ano que se abriu este rexistro, o curso 2021/2022, déronse de alta 38 deportistas de elite, dos cales 27 eran mulleres e 11 homes, repartidas en 16 modalidades deportivas, como windsurf, caiac polo, tenis ou atletismo. A eles súmanse outros 10 de nivel intermedio (7 mulleres e 3 homes), de 5 modalidades deportivas, dos cales 8 obtiveron o recoñecemento ao participar nun CEU, Campionato de España Universitario, e outros 2 eran xogadores do Vigo Rugby Club.

No seguinte curso, o 2022/2023, a cifra de deportistas de elite practicamente dobrouse, con 74 estudantes rexistrados, 34 mulleres e 40 homes, repartidos en 23 modalidades deportivas que comprendían ximnasia-trampolín, halterofilia, ciclismo, patinaxe artística… No que atinxe ao nivel intermedio, déronse de alta no rexistro outros 29 deportistas, (23 mulleres e 6 homes). Deles, 28 tiveron o recoñecemento por asistir a un CEU e 1 por pertencer ao Vigo Rugby Club. Neste curso, o grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte foi o que concentrou a maior cantidade de deportistas de elite, con 15, seguida de Fisioterapia con 12 e Administración e Dirección de Empresas en Vigo con 9.

Quen pode ser considerado deportista de elite?

Poden ser considerados deportistas de elite todos os alumnos ou alumnas co recoñecemento oficial de deportista de alto nivel (DAN) ou deportista galego de alto nivel (DGAN; os que teñan consideración de deportistas de alto rendemento pertencentes a un centro de tecnificación deportiva (CTD); as persoas seleccionadas polo equipo nacional nos últimos dous anos, en calquera das súas categorías de idade; as e os participantes de maneira regular na máxima categoría estatal da súa modalidade deportiva ou en competicións profesionais recoñecidas como tal polo CSD, en categoría absoluta ou júnior e con licenza en vigor; as persoas adestradoras e técnicas, e xuíces e xuízas, que participen de maneira regular na máxima categoría estatal ou teñan a consideración de DGAN ou DAN; as e os deportistas Erasmus e doutros programas de mobilidade cun nivel deportivo equiparable; e os membros do Programa da Asociación de Deportes Olímpicos (ADO) ou do Programa de apoio ao deporte obxectivo paralímpico (ADOP). Para o rexistro de deportistas de nivel intermedio non hai data límite de inscrición.

Medidas aplicables aos deportistas de elite

O Estatuto do Estudantado Deportista comprende unha serie de medidas para o alumando que sexa deportista de elite, todas elas encamiñadas a combinar os soños deportivos cunha educación universitaria de calidade. Para isto, por exemplo, poden escoller o horario, quenda ou grupo que máis se axuste ás súas necesidades, e tamén teñen flexibilidade no calendario de exames para compatibilizar os estudos coas competicións, adestramentos, concentracións e demais actividades. Tamén poden xustificar as faltas de asistencia ás clases por participar en competicións oficiais, concentracións e adestramentos da selección española e poden obter un recoñecemento de ata 6 créditos ECTS pola súa actividade deportiva, acceder de balde ás instalacións deportivas e participar en programas específicos de atención e axudas para facilitar a conciliación. Finalmente, tamén se contempla unha reserva non inferior ao 5 % en prazas das residencias universitarias. 

Ademais, tamén se contemplan medidas específicas de apoio para deportistas de base e de nivel intermedio que favorezan a súa participación en representación da Universidade de Vigo.